Monumentalia: Éfeso

Algún día, se a fortuna che concede ese galano,
Chegarás, como eu cheguei, ata as ruínas de Éfeso.

Pode ser que o día brote desde o fondo da mañá
Ou que a tarde xa devale pronunciando o escuro nome
Da noite ou das estrelas.

Non che importe en que momento, ou baixo que luz,
O fado che conceda a marabilla. Outro día,
Se encontras cuarto cómodo en hotel,
Prolongarás esa estadía unha xornada.
E pode que máis outra. E outra.

A lúa sobre os mármores do vello anfiteatro,
As estatuas impolutas da antiga biblioteca,
O nobre embarcadeiro que o mar abandonou,
Serán parte do asombro que teñas que engadir
Ao templo de Afrodita.

Mais nada ha de causarche maior admiración
Que o xeito en que as idades gardaron este espazo,
Solemne, recollido,
Sabendo, como sabes, que foron estas pedras
A certa testemuña dun modo de entender
O mundo que aínda dura.

E por sempre brillará dentro de ti,
Como un tesouro inesgotable,
a beleza máis clásica
e pagana.