Caderno 2

GARDABA nun caderno que os ventos estragaron
Resumos de lecturas de libros de Derrida.
Esquemas, notas, cadros, proxectos de poemas,
Fragmentos de relatos que nunca escribirei.

E un día fun a Londres. Chovía sen parar.
Un vento arrebolouno de súpeto na rúa,
Levouno sobre as pozas, abriuno sobre o chan,
Dispuxo mil borrallas nas páxinas en branco.
As pingas debuxaron estraños garabatos,
Insólitos percursos no leito do papel,
E mesmo conseguiron que aquelas tristes notas
Se enchesen coa beleza da morte, da ruína.
Lograron que unhas frases sen graza nin cobiza
Ficasen impregnadas de luz e de fulgor.

Sentado en grata sombra dispoño aquel caderno
Á luz desta mañá. Enchidas van as follas
De estraña poesía. A vida e a experiencia
Lograron construír aquilo que me estaba
Vedado ou abolido.

Caderno

Os anos que gardei naquel caderno vello,
Soñando con volver de novo a revivilos,
Se un día a enfermidade do triste me aqueixaba
E, así, tornar quería ao xúbilo do voo,
Fuxiron, non están, deixaron soamente
Un rastro de palabras.
Que torpe, pois, tecer a rede destes signos
Soñando con que un día
O tempo poderá, reuníndoos, refacer
Aquilo que xa el mesmo foi quen de derrubar.

Oh inútil este esforzo, cegueira este labor,
Falacia a mesma idea do eterno, do que dura.

Lumeira

Acendo agora un lume con vellos desperdicios,
Materias que ficaron no fondo do faiado
E nunca amañeceron nin foron quen de abrir
A lata enferruxada da nostalxia.

Misivas, cartas, mapas, asombros de papel,
Azuis caligrafías e notas posuídas
Por lóstregos de cinza ou de paixón,
Oh pouco perduraron aqueles grandes goces
Que un día nos fixeron xurar cordialidades,
Promesas de observancia, contratos do deber,
E axiña se perderon nas augas do torrente
Prolífico da vida, nas chuvias da palabra,
E foron causa certa de prantos, de reproches,
E aínda de promesas renovadas
Que logo novamente ficaron reducidas
A un cálido arrepío de canción
Bailada contra a noite en luces de verbena.

Así baixan os tempos, da altura do presente
Ao abismo insospeitado do devir,
Diluvios que nos varren de súpeto a saudade
E impregnan a caricia do tempo sobre a pel
Coa cálida borralla fulxente do silencio,
Do olvido, do baleiro, da fría, fría morte.

1977

A zona da conciencia que soe desenterrar
Os corpos corrompidos do fracaso
(Os cofres e bauis con fotos e misivas
Fendidas pola sombra da humidade,
As letras que se xuntan e emborronan)
Procura algunhas veces lembrarse da canción
Que os labios teus cantaban
Hai máis de vinte anos,

E é grato despertar despois de que nos soños
Os mesmos días altos, as mesmas alboradas,
Regresen no esplendor da plenitude
Coa mesma intensidade, idéntico fulgor.

Non sei que puido haber nalgún daqueles días,
Nalgún daqueles meses, que sempre, ao regresar
Das sombras dunha noite atormentada,
Celestes iluminan a sala dun museo
Con cadros, con estatuas, con fotos e con cartas

E todo me resulta tan preciso
Que, mesmo, ao despertar, durante algúns segundos,
Paréceme que aínda puidésemos voltar
A aqueles escenarios, aos bares e teatros
Que viron deambular as nosas mocidades
E a aquelas fondas grises, con cuartos de aluguer
Que daban acollida aos nosos corpos
En Vigo, en Barcelona, tamén en Portugal,
As casas dos amigos que sempre nos deixaban
Algunha habitación, sofás-cama, tresillos
Incómodos, -¿qué amor así logra fartarse?-
E aqueles percorridos sen meta nin destino
Que mesmo parecía
Que fose o noso amor seguido por centauros,
Esfinxes e unicornios, arpías e hipogrifos,
Por sempre condenado ao tártaro e o averno.

Maldita xeración, madiltos eses anos
Da barba e da revolta, maldita esa carreira
Que había que facer, e logo xa pasou,
De súpeto mudou o antigo decorado
E todos xa demócratas, poetas, licenciados,
E ti que decidiras partir con outro rumbo,
Sumirte no baleiro das néboas que hai no olvido.

Da memoria e os seus erros 2

Eu sei que non virá xa máis aquela tarde
Ornada de ameixeiras a florir,
O céspede mollado erguendo unha humidade
Na sombra calurosa, no estío culminado.

Por veces acontece que o eco dun verán
Perdido entre as florestas da memoria
Regresa para abrirnos con frío bisturí
A carne das entrañas, alí onde nos doen
Os ecos do fracaso e da outonía.

Son sempre días cálidos, de acougo e vacación,
Con nenos a brincar e longas sobremesas,
Acaso o fume erguido, amargo, dun cigarro
Perdéndose nas trabes do tellado.
E os mortos que índa vivos regresan para estar
De novo baixo o peso da mirada,
Amados e imposibles de seren arrincados
Das sombras neboentas dese ensoño.

Resulta, pois, inútil, oh grave corazón,
Que queiras regresar ao tempo ido,
E lágrimas e choros xamais darán resolto
O infindo xeroglífico dos signos que a memoria
Mestura cos sinais da realidade,
Formando unha figura de ausencia, de distancia,
De oco, de baleiro, de fría, fría morte.

Da memoria e os seus erros 1

Daquela inda podía ollar as laranxeiras
A ergueren os seus froitos camiño do solpor,
O sol extenuado deitándose no Miño,
O plácido silencio da noite fuxitiva,
Os ollos a asomar por riba dos tellados.

Oh era aquela entón a luz da miña infancia
Ou todo foi tramado en soños sucesivos,
Imaxe sobre imaxe, mentira tras mentira,
E son as lúas fúnebres que exercen na linguaxe
Tiránico poder aquelas que me acenden
Agora esta lembranza transida de desexo,
Tinxida de horizontes e chairas e distancia.

Xa todo o que vivín resúltame tan lonxe…
Son tantas as falacias, os fraudes, os enganos,
Que o máxico poder da frauta da memoria
Inxenuos asubíos e chifros e sireas
Galante deposita nos ollos, nos oídos,

Agora que xacente sestea o corazón.