Fotos 2

Encontro agora en caixas as fotos da derrota,
Asombros dunha luz batendo contra os corpos,
A prata reflectinte ferindo con borralla
Lugares que eu andei, terrazas, monumentos,
Amigos que roubou a morte ou o silencio,
Veráns que se perderon, invernos tan sombríos
Que as páxinas tenderon a ser escuridade,
Tan só unha leve luz, algún matiz de branco.

E abro os vellos álbumes, as caixas onde xacen
Silentes claridades e rostros a facer
Acenos e debuxos, silentes asubíos
Que xa ninguén escoita. Recortes de xornais,
Noticias obsoletas que nunca chegarán
A ser parte da Historia. Retratos que tiveron
Un día actualidade e agora mesturadas
Con sombras turbadoras do outono e da memoria.

E gardo as vellas caixas. Enterro esas imaxes.
Inhumo o seu misterio. A tarde está a deitar
Un lume de cereixas e vidros mentres bebo
O tinto da amargura, o caldo da aflición.