ÁTICA

Aqueles que na insólita chamada desta hora
Esquezan o seu arco, a lanza, o heroico escudo,
E dean en fuxir, xamais terán perdón,
Xamais serán vingados se o fado se lles torce,
Ninguén fará por eles, o olvido acadaraos
Alí onde pervivan, despois deste holocausto.

Así que reunidos, audaces, medoñentos,
Valentes e sublimes, covardes, timoratos,
Formemos a lexión, a plétora, o tropel
Que arrinque do inimigo cadáveres e pranto.

Ah gregos, atenienses, feliz cidadanía
Chamada a perdurar por séculos e séculos,
É tempo de arrimar o ombro e derrubar
A Esfinxe e os vapores de xofre que inda ascenden
Dos abismos do Hades.

Advertisements

Ariadna en Naxos

Despois de ter honrado o templo que as hortensias
Coroan cos seus ramos, coa fronda do seu voo;
De ter vertido as augas de aromas vexetais
Por riba destes mármores, por dentro desta sombra,
Camiño monte abaixo, co ímpeto do estío
E a aba dun outeiro permíteme enxergar
A longa, despaciosa, oceánica extensión
De agosto derrubando alpaca sobre os mares.

Non é máis ca un momento, o instante de poder
Apropiarme da néboa que a lonxe se ergue
E impregnar o interior coa cromática música
Dos azuis e dos brancos, dos verdes impregnados
Por acordes de sombra e harpexiadas umbrías.

E aí fico por sempre, detido nese punto
Da miña biografía.
Acaso nos lugares que Ariadna frecuentaba
Nas horas en que soubo de Zeus o fuxitivo
A tráxica traizón.

Monólogo de Sócrates á espera da cicuta

Eu mesmo teño dito en contra da certeza,
en contra dos que afirman e nunca teñen dúbidas,
en contra dos que xuran por deuses e verdades,
en contra dos que, aínda, prometen desde a fe,
seguros posuidores dun dogma e dunha estrela.

Aquí, sen ir máis lonxe, nos mármores da ágora,
deitei a miña escasa facenda de esperanza,
dispuxen moita noite e pouco mediodía.

Mais digo agora en alto, que todos me interpreten,
non doe este camiño sen pedras que pisar,
sen herbas que amolezan o peso dos meus anos,
sen augas que refresquen o corpo do cansazo,
ben máis que se voase lixeiro como a brétema,
fugaz como o pardal, sutil como o estorniño?

Oh fáciles as vidas daqueles con razón,
daqueles con discurso de pedra e dominante,
daqueles que pretenden, oh, seren as palabras
certeiras realidades, amparo onde acollerse.

Mais tráxicos, terribles, os golpes contra o mundo,
batendo coa ilusión nos muros da tristeza.

Escoita, pois, se queres, lección deste exiliiado:
Dubida mais non deixes por iso de queimar
o soño dos ladróns, dos loucos poderosos.

Erguida esta consigna promove contra eles
a única batalla sen marxe de derrota:
o mundo segue a dar mil voltas cada pouco
e todo vai caer, as torres dos imperios,
as portas dos palacios.

Aquiles ante o ocaso

Das flores que promete abril desde a distancia
con longas enxurradas de augas a caer
nas abas dos outeiros, semellan estar vivas
algunhas que esquecín, tamén que descoñezo,
esoutras debuxadas nun cadro ou nunha ánfora
e aquelas que torceron de tanto florecer,
viradas para sempre a un sol que esmorecía.

Vereinas desde o alto da torre engalanada,
o mesmo que se ven crepúsculos, tormentas,
camiños ao pasar nun coche de cabalos.

Mais xa non hei de ter a vida que demandan,
os anos que perdín gañando a madurez,
os meses que afundiron nun longo pozo branco.

Ah, Zeus, que expiación debera o pecador
por tanta vida habida, por tanto camiñar,
que pago polo tempo bebido como un viño,
deitado polo chan na festa e no banquete.

Que débeda imposible xa nunca de saldar.
Que empréstimos tan caros, a vida e a beleza.

O mito do eterno retorno

De Grecia gardarei, por máis que os anos leven
No vento dos seus ríos as fotos, os diarios,
As cartas e as postais, a imaxe dun país
Feliz e numeroso, de mármore festivo:

Atenas unha tarde de estío. Na distancia
A imaxe das columnas do templo de Afrodita,
Café nunha terraza, calor para que ardan
Os campos e os outeiros, o mar que se aveciña.

Oh tanto florecer en erma terra seca!

Os vellos, que entreteñen o día contemplando
Os corpos das mulleres, saúdanas por veces:
Antígona, Ifixenia, Penélope, Casandra

Monumentalia: Éfeso

Algún día, se a fortuna che concede ese galano,
Chegarás, como eu cheguei, ata as ruínas de Éfeso.

Pode ser que o día brote desde o fondo da mañá
Ou que a tarde xa devale pronunciando o escuro nome
Da noite ou das estrelas.

Non che importe en que momento, ou baixo que luz,
O fado che conceda a marabilla. Outro día,
Se encontras cuarto cómodo en hotel,
Prolongarás esa estadía unha xornada.
E pode que máis outra. E outra.

A lúa sobre os mármores do vello anfiteatro,
As estatuas impolutas da antiga biblioteca,
O nobre embarcadeiro que o mar abandonou,
Serán parte do asombro que teñas que engadir
Ao templo de Afrodita.

Mais nada ha de causarche maior admiración
Que o xeito en que as idades gardaron este espazo,
Solemne, recollido,
Sabendo, como sabes, que foron estas pedras
A certa testemuña dun modo de entender
O mundo que aínda dura.

E por sempre brillará dentro de ti,
Como un tesouro inesgotable,
a beleza máis clásica
e pagana.

Dos gregos aprendín

clip_image001
Dos gregos aprendín que ríos e regatos
Son deuses que abandonan por veces os seus pazos
E gozan con vagar camiños e meandros,
Regueiros e fervenzas, torrenteiras e saltos.

Así que non me enganas, oh Miño derrubado
No límite do inverno, alá no fin de Marzo,
Que sei que te apresuras, que sei que vas de paso,
A ollar polas ribeiras, nas árbores dos campos,
As dádivas de Abril, os galanos de Maio.

Novo encontro con Baco ou Crítica da boca e outras notas de interese psicanalítico

Non era aquela tarde mellor do que calquera
Mais tiña o limpo brillo do horizonte
Deposto contra a liña de occidente,
E Baco, xubiloso, sublime na ebriedade,
Ao encontro veu de min con rápido percurso
E púxose a cantar coa voz ben adestrada
Por caldos e licores de café:

“País por quen deitei as naves na ventura,
Oh eu, o repudiado, a ti, se me dirixo,
Non é porque desexe a irónica vergoña
Da lástima, da dor, as flores da piedade,
Senón porque me prende no estómago unha nave
De errantes disidencias,
Así que o peregrino, o músico proscrito,
Aquel que desde o exilio fumega nas tabernas
Tabacos de amargura, cachimbos de silencio,
Está disposto agora ao risco de cantar
As notas que se acenden como estrelas
E deitan entre o lixo da aventura
As páxinas superfluas.”

E puña no seu rezo unha gozosa
Maneira de deitar aqueles aires,
Fervidos en incógnitas redomas,
Lustrados con betúns e con farrapos,
Do xeito que o faría rapsoda que tivese
Mil leguas percorrido no oficio da entoar
E agora concentrado, con cálido auditorio,
Ás musas que axuntaban os corpos dos humanos,
Solemne lles rendese o seu martirio.

“Que calen os poetas, silencio, vai falar
Aquel que desde a orixe, no fondo dos outeiros,
Crepúsculos fervía nas horas de lecer
E rosas con harpexios xuntaba na distancia.
Que aprendan os que deben, que aplaudan os que saben,
Mais todos na quietude, no íntimo mutismo
Das liras que abren horas e voos e singraduras,
Oh vós, os portadores das páxinas superfluas,
Gozosas prostitutas con libro publicado,
Ah cultas concubinas, ah sabias meretrices
Do verso e do reverso.”

De cando en vez ollaba se atento comprendía
As liñas encurvadas do seu fío
E, vendo que eu podía seguilo sen perder
O ritmo solitario do seu voo,
Levoume a unha recóndita bodega
E fixo que servisen viños rancios
E peixes mal fritidos, viandas de porcino.
E, absorto, sen deixar que os caldos apousasen
No tálamo vitral daquelas tazas,
Seguiu coa súa monótona demanda:

“Eu son o propietario do agudo bisturí
Que adentra o seu xemido polo centro
Das nádegas obesas, oh sempre procurando
O íntimo orificio das feces, o lugar
Dos gozos da feliz defecación.
Eu son o cirurxán das negras hemorroides
Aquel que se aventura no tráxico lugar
Das borras e as escorias, a lama e o excremento,
No límite do corpo, na tebra vesperal,
Cisterna, alxibe, acuario dos peixes malogrados,
Aquel que vos oprime a próstata e debuxa
As curvas e espirais do sucio recto,
A vós que festexades as linguas e as vocais,
E a boca celebrades con líricos ornatos,
Vocálicos, bucais, bucólicos poetas.”

Seguiu daquela enchendo coa longa cantinela
Os lúdicos vapores do fluído
Viscoso, transparente,
E alí deixei de darlle galano de atención
E abrín na miña mente unha xanela
Disposta contra o pano da distancia
E só despois de longos, insólitos minutos,
Tornei a comprender o que dicía:

“Oh ti, que vagabundo acomodado,
Que nómada burgués,
Que errante sedentario,
Accedes nesta hora a reparar
No acento de verdade ou de falacia
Que existe no meu canto
Oh dime se non son heroico certamente
Por teu eu remexido na lacras e nas feces
Dos vellos sumidoiros da linguaxe,
Cisternas e letrinas do mundo e a súa voz”

E acaso por ceder a un ímpeto piadoso
Pasei a relatarlle as grandes dignidades
Que aquel furtivo encontro dispuña sobre min
E fíxenlle os eloxios e os encomios
Gabanzas, panexíricos, que, infante, reclamaba.
E, humilde, puxo entón final ao noso encontro
Baixando o ton do voz, ao extremo do susurro:

“Que todo canto dixen, é tempo de advertir,
Non ten outra valencia que aquela incertidume
Dos líricos abrentes sobre o mar,
Materia que se inflama, que acende o seu clamor
En sólidos minutos, e logo fica sendo
Un pálido reflexo, un eco que se apaga.
Que sexa o derradeiro, o último en saír
Aquel que feche a luz.
Despois, que veña a tebra,
E todo fique, pois, como empezou
Na longa, na infinita, febril escuridade”.

Narciso

A torre foi entón un oco fronte ao mundo,
Lugar para o silencio, estancia do baleiro,
Un cuarto sen ornato, o branco das paredes.

Alí ninguén chegaba. Só un día atrás de outro
Saían as palabras, os soños, os recordos.
E pouco máis había naquel desdebuxado
Recanto para o olvido.

Así, desocupado, sen mobles e atavíos,
Fiquei libre de min, señor e maxestade
Dun reino que perdera confíns e territorios.
Imperio reducido a un mínimo lugar,
Dominio sen herdade ou patria sen facenda.

Por iso unha mañá logrei ollar o espello,
A lúa que fulxía no azougue do cristal,
O vidro máis opaco fundado nas orixes.

Perdera no camiño celestes municipios,
Provincias desoladas, distritos doloridos,
Comarcas abatidas, palacios de fatiga.
E aínda outros enseres, trebellos, utensilios,
Inútiles e tristes, caducos, inservibles.

O espido viaxeiro, xa náufrago e perdido,
Chegaba entón ao núcleo, á médula do centro.

DEMANDA Á AUTORIDADE QUE REINA SOBRE ATENAS

 

alt

Oh eu que noutro tempo a Atenas orientei a proa dos meus barcos,
Sen máis afán que o estudo, sen outra perspectiva
Que aquela que abrirían os pórticos gloriosos dos templos columnados,
Agora neste exilio do Atlántico e a terra
Que existe no confín dos mundos coñecidos,
Sen modo de chegar en nave deleitosa
Ás festas que a cidade, oh Nilo, de Alexandro
No estío organizaba despois de que o saber,
Aos poucos que o concurso dos sabios procuramos,
Nos fose derramado en oleos, en esencias,
En augas olorosas.

De todo canto a idade da Ática deixou
En forma de resquicio, ningunha cicatriz
Máis doce que a inscrición de xullo devalando
Con figos, con améndoas, con cítaras e danza.

Por iso, oh nobre Atenas, a aqueles que xuramos,
Pretéritos os tempos, servirte e proseguir
A liña das túas nobres ensinanzas,
Da cruel expatriación librarnos xa deberas
E nunca máis traernos de volta a esta ribeira
Por moito que libérrimos o viño frecuentemos
E a Baco algunha vez rendamos culto e gozo.

Perdóanos, xa chega. Calcula o noso exilio
En moito superior ao prezo estipulado
Por fatuas infraccións, maldades ou fraquezas.
Concédenos a honra de ollar de novo a lúa
Febril na plenitude de espello dos teus mármores.