Árbores

1242782303laoRQf

As árbores do outono traducen o declinio dos troncos de madeira divagando como un peixe moribundo no vaivén dos torrentes e acaso a estirpe que albergaron no cerne da súa carne material de húmida seiva ilumine o seu devalo necrolóxico cara a un porto, río abaixo, cheo de cinzas, cara á oculta colleita da morte. O seu ocaso é tan brutal como a luz que fenece por tras do horizonte e aínda erguidas xunto ás praias, nos camiños agrestes, nas rúas, son o eixo arruinado dun carro xa imóbel, o mastro no que boian as bandeiras do declive.

Advertisements

Corpos intactos

$(KGrHqF,!oME8VonTOQEBPU!sYtWkg~~60_35

Fostes vós, corpos intactos,

os que eu nunca posuín e só quixen para adentro,

os que un día abristes fendas no desexo

e, quebrándome limpísimos espellos,

pervagastes polas gándaras do olvido

na poeira malva dunha brétema distante.

Ah, fostes vós, noites de outros,

tapices devastados en que a noite erixe néboas

e un segredo torna fráxil toda alcoba do porvir,

as que outrora laborastes algun sulco deste ermo

derrotándome castelos e ainda exércitos

de pombas desoladas.

Foste vós, labios e bocas

doutros seres abaténdose nas naves

dalgún porto estremecido palas augas dun mar gris

cando a noite culminaba un esplendor de lúas rotas

e unha lámina de sangue esparexía na saudade

a cor máis cárdena da morte.

Ah inútil paixón de querer posuirvos,

esforzo que me abate por cumprir

o mandato máis cego da carne!

A soidade do cabaleiro errante

3097-83430-a-romances gallegos

Non é inútil viaxar por unha terra extraña se, despois de ter durmido algunha noite baixo un chopo, contemplando fluír a noite máis unánime e celeste, ves a aurora regresando, o bater de alas nocturnas dalgún paxaro perdido, o reflexo da mañá nos azougues doutro lago. Ou se, ao dares ao camiño o que hai de errante na túa boca, lembras tardes consumidas, algún lugar remoto, unha nave que levaba a cor do inverno sobre a popa.

Has ter, sen dúbida, nostalxia desas horas esvaídas que, por veces, conformaron os edéns da túa memoria e o desexo de volver ao tempo antigo, a unha cidade da que nunca regresache, se, posuído por un canto de ouros fúnebres e alpaca, ves deter o teu camiño nalgún bosque, nunha praia, para oír caer o vento, acaso o mar, sobre os ombros que tocan as lúas nevadas.

Mas se é inútil ter lembranzas de viaxe, porque todo foi efémero, ainda podes procurar de novo a terra do desexo: ese branco metal que dá frío ás entrañas.

Ti dis

fotografia-surrealista-262

Ti dis: Galiza é ben pequena. Eu digo: máis breve é esta colina que miramos na oquidade sombria da noite lunar propagándonos un tacto de estreIas remotas que comoven a carne mentres pairan sonoras as harpas de outubro sobre o campo vacío.

Ti dis: Galiza é ben pequena. Eu digo: menor é o voo dos páxaros que levan a fronteira nostálxica das alas a un pórtico sen nome as tardes en que a bruma esparexe o seu imperio e só hai aves un instante.

Ti dis: Galiza é ben pequena. Eu digo: mais breve é a túa boca, recanto onde pracer da carne se reduce a espazos diminutos e enleva o sangue ás árbores e á tarde e fai celeste un eco tan sutil que a noite para nós pode ser nada, nada, nada.

Pastorela

Acacia

Entre as árbores, Aurelia, as máis belas as acacias.
Mais, quen aclama a súa excelencia?

Engalanándote de oboes que poñen prata sobre a terra
e unha breve oferenda de cinza nas augas
pasas, garza, sixilosa, a ebriedade da súa sombra,
culminada entre os vapores que anteceden a paisaxe
e son resquicios olvidados polas algas
mentres neva no verán unha luz alta que me arrinca
dores cárdenas e brotes
de dalias
no silencio
e vas tecendo o fío doutra tarde para as Parcas,
rescatándome febril como a túa ausencia
se, profeta do declinio, ainda soño cos ocasos
ou se, eremita, na soidade do deserto planto flores
que non xerminarán.

Pois nas árbores, ah Aurélia, tan fermosa como a acacia,
treme o pano das túas roupas que abanean na estación
de brisa lánguida e nacente
e hai asombro de mirarte convocándome nas frautas
que aínda tanxe o vello Pan
se, caduco, entre os poemas deito ás veces tantos lirios
como agosto me concede
ou se, funéreo, me culmino cos loureiros da tristeza
e pervagando polos ríos durmo á sombra dalgún chopo.

Porque, Aurelia, destas árbores ti es acaso a máis devota
e só eu aclamo a túa excelencia.

Naturista

464797-bigthumbnail

Como acaso o naturista prende as follas dos outonos na brancura dos seus álbumes e, despois de ter fixado en cada páxina un tesouro, pasa a olIada sobre elas co vagar que só é propio de amantes asi eu prendo estes poemas na alta páxina de min, asombrado coas ruínas do desexo e a cincenta cor que toman as palabras ao tinxírense co efluvio dos ocasos.

RÉQUIEM (Para coro de poetas.)

 

300px-Henri_Fantin-Latour_005

Xa se nota como a fronte vai trocando os seus loureiros
en declinio febril de horizonte turbado
por grisáceas tormentas,
pois non sabemos, poetas, non soubemos
de que arxila formar tanta ánfora e canto.

Ollade a tarde que adelgaza
a súa clara harmonía de asombros
a caer precipitada entre os labios da noite
e acharedes unha efixie que resume
a nosa lenta murchedade.

E se, ao escoitardes como o xílgaro navega no silencio,
traspasando co seu corpo un grito lánguido e terríbel
que se eleva entre edifícios,
non sentides unha dor de sangue e medo, escombro,
é que temos consumida a nosa lira para sempre,
ah fugaces cantores do efémero,
pois non é diso, meus amigos, non é diso
de que o tempo alimenta a voraz eternidade.

Dade luz aos vosos cuartos.
Acendede tantas lámpadas e lúas
como, á noite, for posíbel
para nelas contemplarmos o fluído ingrato do delirio
convocándonos ao canto,
oh esquecidos da néboa que asombra e regresa,
pois xa o tempo varre as augas
destes mares transitorios.

E se a palabra nos persegue cos seus látigos de aurora,
aínda ebúrneos no parnaso da blasfemia,
nos altares onde as musas fan perpétuos holocaustos
para honrar a luz de outubro
ponde os versos que fixemos
e deixádeme algún río pra chorar,
algunha rúa vagamente iluminada pra estar triste,
pois, xa longo o meu camiño, a nosa estirpe precisa
un diluvio de tardes roubadas aos deuses,
unha ardente emoción que se prenda na alma.

Epitafio para Mozart

mozart-statue-vienna

Eu, que a Orfeo fun máis fiel que o resto dos humanos,

e por isto acadei fama sobranceira,

deitei neste xacigo o corpo morto

sen que a alma nel repouse nin demore

o curso da súa rota interminable.

Ollas, pois, camiñante

nesta estátua aquí erixida,

o reflexo fermoso do corpo que tiven.

O resto perdura na música.

Pregunta

tumblr_m07ttvIx7i1qegasto1_400

Os mantelos con sinais de viño derramado,

os búcaros de alpaca, vacíos, sen ornato,

a cor púrpura dos vellos lamigueiros do xardín,

o cisne adormecido xunto á sebe de aligustres,

o quebrado cristal destas copas,

non serán, doce Outono, un lutuoso sinal

para aquela que baila mentres Pan tanxe a frauta?

Nota

tumblr_m134pvmGq01rs1djgo1_400

Querida Estrela: despois de tanto tempo e acaso cando xa o meu nome é para ti unha nube cincenta que segue a voar polo ceu da memoria, diluída polo paso das idades, encontro nuns volumes antigos unha nota que deixaches hai xa bastantes anos. Un cálido arrepío me percorre ao contemplala. Sen dúbida eran instantes moi felices para nós e ti quixeches que esas horas perdurasen. “Espérame esperto. Virei cedo. Levareiche unha flor e nostalxia”. E o debuxo de dous abrazándose. Agora que releo doume conta da crueldade. E se esa nota devalou polo alto río dos meses para vingar algunha afrenta ben podes crer que foi vingada. A luz do teu desexo segue acesa para min. Nada me impide regresar a aquela cama.