Soliloquio do pasaxeiro

Joachim Patinir-A pasagem da Lagoa Estígia

Non é fácil percorrer os camiños que levaron

o teu corpo até o país do silencio e da loucura

sen obter antes indulto, a desculpa, a absolución

polos danos infrinxidos, polo estrago irreparable.

Mais non sei que fixen mal, en que curva do camiño

enganei o rumbo exacto, foi menor o meu esmero.

Pode ser que algún dos brillos que fulxían no ouropel

me cegase ou me privase do sentido da visión,

que ficase fascinado, deslumbrado coas estrelas

que amañecen na palabra, sen aviso nin anuncio.

Mais foi todo tan veloz, tan de presa, tan axiña;

foron tantas as escollas, houbo tanto neboeiro,

que chegar até esta marxe do Leteo ten o honor

dos atletas esgotados, dos exhaustos corredores.

Pode ser que a nave estea xa agardando o embarcamento.

Nela irei sumido en sombra, no devalo do serán,

sen obter xamais perdón, nin desculpa ou indulxencia.

Advertisements

Vapor de melodías

 

tumblr_maubjh9NKW1qz5q5oo1_500

Un día no que alguén sentiu a sede ignota
dos aires que nos levan ao indómito fracaso
o rostro debrucei na palma das túas mans 
no centro da enramada das árbores dun soño,
sen outra perspectiva que gándara gloriosa.

Non era máis que tempo, espido e sen linguaxe,
resquicio dunha antiga, caída construción,
cumprindo unha condena de néboa na existencia,
as sombras do que fora un barco abandonado.

Acordes de outonía, silencios de metais,
felices no vagar, errantes neste voo,
acaso atraizoaron o brillo da memoria,
tinxida de horizontes e chairas e distancia,
as nubes debuxando efémeras paisaxes.

Mais eu, que estaba alí, cos ollos opacados,
sen luces que ferisen solemnes a paixón,
entrei por unha porta e vin nun bosque antigo
vapor de melodías, borrallas e derrotas.

épica VII

tumblr_m00xx6SwBW1r59a1jo1_500

a praia estaba chea de gaiteiros

e Niestzsche fora pór as tres hamacas

no límite do mar

 

e foi que nun instante vertéronse palabras

ditos vellos que levaban un século esperando

e todos coa certeza das mentiras

das grandes mentiras

 

(pois é todo o que sabemos

algúns compases que cantar

unha doce melodía

e as palabras esperando como esperan

os feridos os sangrantes)

 

e foi que non chegaron ambulancias

senón pombas escuras

as aves que percorren as prazas procurando

as migallas das mesas dos cafés

 

e dímome daquela o Nietsche visionario

os ollos ocultando con lentes para o sol

redime as túas verdades

igual que se levases

un feixe de pecados

 

e a praia estaba chea de cabalos

e Nietzsche foi pousar a súa mirada

no límite do mar

épica VI

tumblr_m0edl8jeiM1qb8vpuo1_500

 

calou daquela Nietzsche o seu misterio

e puxo nos caldeiros a ferver

un pouco de tristeza

e deu en enxergar aquilo fumegando

 

entón Elektra viume a tocar o clarinete

e díxome Manuel podías procurar

o acougo da quietude e a parada

mais eu que tiña o corpo co licor

que o incerto Nietzsche me fixera

beber na súa compaña

repúxenme do vento da chuvia da presenza

do brillo que deixaba o seu cabelo prateado

do estraño magnetismo

e díxenlle non é

moi lícito calar

non son estes os tempos do silencio dos poetas

 

e quixo que a gardase entre os meus brazos

o mesmo que unha pomba

 

e díxenlle eu Elektra miña vida

non son xa partidario

do amor esa falacia

 

e foi virando lenta no seu baile

seguindo a ladaíña que tocaba

e mesmo houbo un instante en que pensei

que iría dar ao mar

 

mais Nietzsche estivo atento e recolleuna

xentil pasoulle un brazo polo van

épica V

tumblr_luvidqUFtG1qdz4yko1_500

Elektra vendo aquilo puxérase a chorar

e as bágoas lle caían sobre as teclas do piano

facendo estraña música

 

e o pranto foi virando nun canto estarrecente

a morte en nacemento

as tebras nunha luz

e viu como fuxían do cárcere dos dentes

as sombras dunha idade

o parto dunha época feliz

e soubo que era triste estar calado

e púxose a cantar

 

e Elektra tan eléctrica fixérase unha lámpada

un sol que esparexía melódica de luz

e foron os seus anos regresando

e puido contemplala

na flor da mocidade

Elektra espreguizándose no leito pola alba

Elektra adormecida no leito xunto a el

épica IV

teukujodyzulkarnaen

seguiu eses camiños buscando unha lanterna

algún deses trebellos que deitan unha luz

e furtan por un tempo a escuridade

e soubo que eran épocas de sombra

 

o campo estaba inzado de xente a camiñar

cos brazos alongados apalpando

e daban entre todos a impresión

de seren cegos loucos

dementes que perderan o don da claridade

os rostros que esqueceran os seus ollos

 

e puido comprender que se chamaban con nomes de misterio

palabras nunca antes pronunciadas

vocábulos que os ventos roubaran nalgún pozo

e frases como enigmas

 

entón saíu o sol e todo foi igual

ninguén podía velo

e ían camiñando cara ao río

caían polas beiras dos regatos

morrían afogados

 

e el púxose a berrar

e viñan cara a el

quen sabe o que entenderan

e víanse nas linguas labirintos

e tiñan entre os dentes o solpor

 

da torre penduraba o corpo dun suicida

épica III

cahuhn

el daba por entón un libro por un beixo

e tiña os labios cheos de silencio

custáballe falar

 

o corpo comezaba a súa deriva no límite das noites

e todo canto vía ficaba rexistrado

na cova dos misterios da conciencia

 

non era máis que un barco

seguindo a singradura

das torres polo fondo do fondo do horizonte

e tiña as velas rotas

o vento a perseguir

os lombos debruzados dalgún remoto outeiro

os cumios consumidos dun penedo

igual que se a paixón buscase un templo antigo

o centro en que erixir de novo o seu altar

 

andaba algunhas tardes polos campos

cortaba para si ducias de flores

e daba o que pedisen aos pobres esmolantes

e lía moitos libros sobre Grecia

 

e foi por esa altura que os campos se perderon

ninguén daba con eles

e todo eran cidades e lugares

con casas con alpendres con tabernas

con vellas catedrais

e foron os seus ollos perseguindo

os restos dese soño

a porta das igrexas da paixón

e só puido mirar materias consumidas

un cravo enferruxado

épica II

Partial Dematerialization of the Medium Marguerite Beuttinger,ca. 1920, by an unknown photographer

e foron logo as dársenas enchéndose de barcos

e o porto foi inzado de vapores

e todo tiña auga salgada derramando

os ferros bronces cobres a tristeza

e soubo que morría aquela tarde

que nada máis cabía que esperase

xa núa e desolada a forma corporal

que foi o seu transporte na existencia

 

e o certo é que viviu despois daquelas horas

que tivo na fortuna de seguir

igual que o barco errante

despois dunha tormenta

as áncoras izando

as velas despregando

a liña do horizonte e do destino

oh sempre outro destino

 

e entón ollou a Elektra entre as materias

un corpo prodixioso

a forma do ideal

e viu que tiña boca e que bicaba

o mesmo que unha serpe

 

e díxolle camiña

de xeito que a túa sombra non te siga

o sol a dar quentura nas túas costas

non luces por adiante

nin sombras laterais

que vexa todo o mundo que segues un misterio

épica I

tumblr_lzmonotQz31qb8vpuo1_500

el tiña aquelas tardes un barco que levar

sen rumbo polo fondo da mariña

e algunhas illas breves máis ben como penedos

dispostas no horizonte como guías

 

fuxiran as semanas máis grises dun inverno

chegaran os primeiros renovos ás maceiras

e xa a cegoña erguía a casa polo cimo

disposta a ter asento na terra e na distancia

 

a torre estaba aínda soñando coas alturas

izando a súa figura de luz contra o solpor

deixando que o seu raio sen fin se esparexese

 

e as tardes perduraban na espera de tormentas

os corpos debruzados a ollar para a distancia

por ver se ao lonxe viña a nube que vertese

o cólico do mar ese tormento

feliz e sen mesura

 

entón sentiu a voz ferver polos adentros

non era máis que un signo do rumor

e soubo que esa música medraba

e foi coñecedor da luz que lle fervía

acaso como a aguia que quieta alá no alto

solemne comparece ante a tormenta