luz

tumblr_lt4fnne44j1r1y4lro1_500

a luz que agora filtran as vellas ameixeiras

dispostas contra o fondo do xardín

é luz de inverno seco

de inhóspito xaneiro

a luz que acaso veña do fondo do misterio

veloz como ningunha das cousas existentes

 

é luz que se restaura no chan e na distancia

camiña un val enteiro sen tempo nin cansazo

e pousa sobre o mundo creando a súa presenza

deixando que as figuras as cores ou as liñas

restauren o sabido o dado xa noutrora

que o mundo sexa idéntico ou igual

e así poidas ollar de novo os vidros

deitados na súa caixa a calibrar

a luz que agora chega do mar do esquecemento

 

a luz como unha culpa que leva a procurar

visións e olladas núas dun pórtico dun río

dun cólico de sombra que xorde entre palabras

e deixa un pouso amargo no ventre da mañá

a luz que che restaura de novo o teu destino

igual que se verteses no mundo unha laranxa

o mesmo que se andases sen sombra polo ocaso

 

a luz como unha chaga purulenta

que mostra as túas feridas cicatrices

que o mar quere lamber curar no seu naufraxio

sen tempo sen espera sen líquidos sen vento

de meu

eugene_atget_ruedeseine1934

tamén houbo daquela sinais de que chegaba

o tempo cos seus vidros e metais

tocando unha charanga de tormentas

o tempo cos seus longos atavíos

as súas roupas existencias

 

e souben que eran eses os sinais

que viña demandando

aquilo que esperaba non sei por que razón

 

e souben tamén logo que viña unha fragancia

un líquido perfume que embriagaba

pois era tan real como unha froita

e sempre andaba espida pola casa

 

así que vin entón os signos as estrelas

as uvas que Amor enche de azucres e de mel

e púxenme a querer os nomes das palabras

as curvas os meandros do río dos vocábulos

igual que se bebese un litro de tristeza

e andase a dar traspés nas sombras pola casa

 

por iso houbo silencio

por iso ninguén dixo

nin houbo barcos novos que chegasen

do mar turrando lentos como o inverno

do inverno a procurar os vidros dun espello

 

así que andei calado circunspecto

máis próximo de min que a miña sombra

tormenta (metafísica do Xallas)

fotografía de Diego Velo www.diegovelo.com

 

os séculos que viran as décadas que caen

os lustros que esparexen borralla nas axendas

os meses que abren pontes de cinza sobre os mapas

o sangue das semanas que pinga no falar

e verte a súa materia no poema

son todos incidentes oh feitos ben vulgares

ao lado do arrebato da tormenta

quen queira que se adentre na selva da linguaxe

e dea en ver as formas que medran alí dentro

e saiba impor un brillo de cinza sobre as cousas

e pare a contemplar o signo dos camiños

máis antes que despois debera concluír

que nada existe alén do acontecer

que o mundo existe antes que a palabra

que debe ser tamén que antes da linguaxe

no círculo que forman os ollos e os vocábulos

xa exista ese ferver da vida o devalar

do mundo sobre os signos e a materia

no tránsito que vai desde o baleiro

ao punto en que se forman as vogais

ao río que remata na espléndida fervenza

dos nomes e dos verbos a caer precipitándose

un fume na distancia

water-shadow-house-long-exposure1

as froitas que derrama xaneiro na distancia

dispoñen unha luz xa diferente

un ton máis acendido e nítido brillante

con pingas de alegría sobre os campos

son borras de mazás que deron en durar

as horas esgotadas doutro outono

e heroicas adentraron os corpos entre o frío

son cinzas de laranxas borrallas de pel seca

que arderon consumidas entre as neves

e foron arrincando das tardes a humidade

precisa esa quentura da vida elemental

os´cólicos que premen nos pés do camiñante

os pánicos que atan as pernas do fugaz

 

as froitas que esta hora dispón como agasallo

a dádiva feliz do almorzo dilatado

presente gorentoso que estrala sobre a lingua

e deixa un voo de espellos de líquidas dozuras

chegaron como un soño pousaron o metal

do inverno sobre o ventre e preguntaron

pon onde van os días melodiosos

 

e alá foron correndo dispostas a chegar

que todo a fin de contas non é máis

que un fume na distancia

a casa

house-long-exposure-photography1

A casa tiña a sombra derramada

as tardes en que o vento viña triste

e daba en ter conversas no fondo do xardín,

diálogos coa hedra que erguía o seu imperio,

debates nos enigmas das pedras consumidas

 

Aínda así a casa tiña sombra,

deítábase a durmir de noite xunto ao pozo,

e erguía unha bandeira no mencer

por riba dos camelios e dos valos

igual que se quixese mostrar que estaba viva

o mesmo que se fose vontade de seu

deixar que o vento aquel furase nas xanelas

e dese catro voltas e revoltas

nas camas no salón

 

A casa estaba aberta

dispuña o corazón no lume da cociña

e erguía coas persianas desexos de mirar

ollar para a distancia do río polas viñas

e así determinar que o tempo viña frío

acaso cobizoso dun lume delongado

 

A casa tiña aínda nas formas infrecuentes

un leito de mazás

e un voo de follas secas por veces a caer

do alto dunha espida cerdeira

deixando pola herba as manchas outonizas

daquela alfombra seca.

 

A casa estaba erguida e a sombra lle caía

co xeito dunha escura cabeleira

guedella de penumbra que daba para o sur

e andaba na procura do mar do esquecemento.

emperador

Do oriente chega agora, mistérico, un abril,

aínda unha promesa.

E volven do horizonte unha laberca

e aves consteladas,

paxaros que namoran estrelas na distancia.

E, xélido, persegue o inverno unha canción,

un voo de alentos tristes.

E a máquina que prende nas cordas do piano

e vai fechando portas na harmonía

dos líquidos de oriente

apágase cansada, medita no silencio.

 

Doído medra o inverno fechado na conciencia.

Doído porque sente proer as cicatrices

alá polo horizonte da tarde sobre os campos.

Doído porque fere na pel este xaneiro

os días en que chega, celeste emperador.