Lendo sobre Paul Celan, Ingeborg Bachmann e Martin Heidegger

imagesimages (1)heidegger2

E se o poema fica fóra da linguaxe?

E se o poeta é un barqueiro, o transportista

camioneiro que percorre estradas desoladas

para entregar mercadoría?

O garda derradeiro da tétrica soidade,

desde o inefable do silencio

ata o ruído dos labios,

desde a xélida mirada

ata a quentura da boca.

 

Aposto a que o poema está fóra da linguaxe.

Advertisements

Apolo e Dionisos

animal-forest-masks-photography-surreal-tea-party-Favim.com-42814

Dicía Elías Canetti que “sempre que fitamos atentamente un animal temos a impresión de que no seu interior hai un home que se mofa de nós”. Eu diría que sempre que fitamos atentamente un ser humano temos a impresión de que no seu interior hai un animal que se mofa de nós. Será  unha condición dos tempos? Haberá tempos de ver animais dentro do homes e tempos de ver homes dentro dos animais?  En que tempo estamos?

Só palabras

IMG_1039

“Son consciente de que é posible dicir de todo isto: non son máis que palabras, novamente só palabras. Non o recibiría como un insulto. Temos oído a tantos oradores que facían pasar as súas palabras por algo máis que palabras, pola fórmula de entrada a unha vida nova; temos visto tantas representacións teatrais que pretendían ser non só espectáculos, senón cerimonias comunitarias; e mesmo hoxe, a pesar de todo o escepticismo posmoderno contra o desexo de mudar a vida, vemos tantas instalacións e espectáculos transformados en misterios relixiosos que non resulta necesariamente escandaloso oír dicir que as palabras son só palabras. Despachar os fantasmas do verbo feito carne e do espectador volto activo, saber que as palabras son soamente palabras e que os espectáculos son soamente espectáculos pode axudarnos a comprender mellor de que modo as palabras e as imaxes, as historias e as performances poden mudar algo do mundo no que vivimos”.

Jacques Rancière

Sono e tedio

clock,now,time,wow,,boo,clocks-e8537d2ba8908bc750a3a1cf0205d540_h

Se o sono é o punto máis alto da distensión física, o tedio é o punto máis alto da distensión psíquica. O tedio é o paxaro do sono que choca os ovos da experiencia.

Ao rematar o tedio desaparece o don de oír e desaparece a comunidade dos oíntes. Os niños do tedio xa se extinguiron na cidade e están en vías de se extinguir no campo.

Walter Benjamin

Da esencia da verdade

foto 222

A hermenéutica non ten sentido como método, ou sexa, como unha simple e extrínseca vía de acceso á verdade, senón que é xa, ela mesma, o proceso no que se manifesta a verdade.

A novidade máis importante, fronte a Dilthey, comézaa ofrecendo Heidegger, o mestre de Gadamer, ao considerar que comprender non é unha actividade humana entre outras, algo que o home pode ou non conseguir, segundo se segue ou non o método adecuado, senón que é a estrutura ontolóxica fundamental da existencia, que tería, por tanto, unha natureza ou un carácter radicalmente hermenéutico. Heidegger afirma, pois, que a sustancia de toda manifestación humana, de toda acción e de todo comportamento é comprender. Dío con estas palabras: “O modo propio do ser do home é existir como intérprete ou desvelador do ser”. E tamén con estas outras: “A comprensión é o modo orixinario de actualizarse do Dasein como In-Der-Welt-Sein.

O primeiro que fica invalidado é a tese, sostida por case toda a filosofía clásica, dun saber da verdade como coñecemento inmediato, atemporal e inmutable do ser das cousas. De modo que, fronte á hipótese filosófica, e tamén científica, dun coñecemento da verdade como coñecemento da esencia ou das leis que rexen o universo, Heidegger sinala que o que se produce, en realidade, sempre que coñecemos, é un círculo hermenéutico entre a estrutura da precomprensión –característica da condición ontolóxica do ser-no-mundo- e a explicitación que a comprensión leva a cabo.

Coñecer ou comprender a verdade dun texto ou dunha obra non consiste nun acto do suxeito en virtude de que este descobre a obxectividade das intencións ou vivencias do autor, axudado por un método que lle permite percorrer debidamente a distancia transportándoo a esas intencións, e salvar a diferenza simpatizando con esa vida allea que se obxectiva no texto. Comprender unha obra equivale a apropiarse a perspectiva de mundo que contén e que se dá nela de maneira lingüística, isto é, será a fusión do horizonte ou mundo lingüístico do lector co horizonte ou mundo lingüístico da obra.

Diego Sánchez Meca

Arte e xornalismo: (des)aforismos encadeados

digital photo manipulation 2

O autor, que emerxe do texto como un fantasma, convértese para o crítico sádico-anal nunha esperanza de sodomía.

Os seus (os do crítico sádico-anal) son xemidos de amante, demandas de que o seme da creación dignifique a vergoña das súas feces.

Se o poeta é un finxidor (Pessoa) e o lector un hipócrita (Baudelaire) nada máis falso que un poeta auténtico; nada máis traidor que un lector fiel.

O texto, felizmente, fica no medio, a salvo das vaidades (do poeta e do lector, tamén do crítico). Os seus grafos han sulcar ríos de séculos e mares de intemperie.

Á súa beira han de morrer grandes glorias e renomes, mil orgullos e belezas, reis, princesas, cabaleiros, catedráticos, lectores, hermeneutas e estudantes.

A derrota habita ben no país dos grandes textos.

Do acontecemento

Resulta crucial a diferenza entre feito e acontecemento. Mentres o feito é algo que ten lugar como resultado da vontade, o acontecemento é o produto do devir, do azar, do fluír das cousas. A experiencia estética é sempre acontecemento, xamais feito. E ese acontecer das cousas sen nós intervir desvélanos o que os formalistas rusos chamaban estrañamento; o que Rilke tentaba explicar cando concibía a beleza como un fragmento do terrible; o que Joyce denominaba epifanía; o que Lacan distinguía como jouissance, gozo; e tutti quanti.

A diferenza entre buscar e encontrar. Ou, máis ben, ser encontrado.

Que terán algúns poemas, algunhas persoas, algunhas músicas, algúns cadros, algunhas casas, algunhas sombras… para seguiren sendo acontecementos? Unha vez tras outra. Nunca feitos, sempre acontecementos. L’événement.

Cita 4

“Hai un cadro de Paul Klee titulado Angelus Novus. Nel vese un anxo no momento de afastarse de algo sobre o que ten fixa a súa mirada. Ten os ollos fóra das órbitas e as ás despregadas. O anxo da historia debe ter ese aspecto. O seu rostro está virado cara ao pasado. No que para nós se presenta como unha cadea de acontecementos, el ve unha catástrofe única, que deita aos seus pés ruína tras ruína, amoreándoas sen cesar. O anxo quixera deterse, espertar os mortos e recompor o destruído. Mais un furacán sopra desde o paraíso e arremuíñase nas súas ás. E é tan forte o furacán que o anxo xa non pode pregalas. Este furacán arrástrao irresistiblemente cara ao porvir, ao que dá as costas, mentres o cúmulo de ruínas medra diante del ata chegar ao ceo. Este furacán é o que nós chamamos progreso”.

Walter Benjamin

Cita 3

Hai unha cousa moi curiosa na Semántica: que a palabra significado é, probablemente, a palabra con significado máis difícil de encontrar. Que é o que significa o termo significar? Paréceme que a única resposta que se pode dar é que significar significa a posibilidade de calquera tipo de información ser traducida nunha linguaxe diferente.

Claude Lévi-Strauss Mito e signifcado, 1978