Brinde

12814685982736

 

O viño é un sentimento. Non existe como tal.
Pode ser que te confundas cando escoitas o clamor
Do seu líquido caendo sobre pozos de vidro
Ou que gardes o arrecendo como un resto de materia.
Mais o certo é que está feito para un día esvaecerse
Como as nubes e o silencio, como as tardes ou o voo
Dunhas aves na distancia.
Bebe, pois, dese misterio. No seu corpo está  o percurso
Que atravesa cada cousa, os enigmas do dicir,
A escura cifra que conduce o devalar,
O motor que xira a roda dos imperios do tempo.

Advertisements

O viño

tumblr_m40n9upMPC1r677hco1_500

Nos cuartos clausurados das páxinas do olvido,  
nas gándaras de neve que hai despois dos anos,
no alto das estatuas,
a sede que me habita, sublime, precipita
un voo de viño azul, escuro até o vermello,
disposto como un signo da morte dos invernos.

Nas prazas e palacios, nas rúas e plateas,
nas follas que deitaron as árbores no chan,
no leito amortecido das herbas e das flores,
felices de ir vagando por pontes e fronteiras,
fulxindo como estrelas queimadas de claror,
o viño gorentamos, deixamos escorrer
na boca como un doce de néboa e de quentura.

Na sombra que esparexe a tarde en porcelanas.
En tres ou catro cartas escritas nunha hora
que foi pola distancia erguendo unha fariña 
insomne de preguiza e soños e fracasos.
En chairas, en ribeiras, en vales ou en ríos,
selándonos os labres con flores arrincadas,
o viño estaba alí,
xamais deixou de darnos praceres e linguaxe.

(Ars) amandi

color,girl,umbrella,cool,impressive,70s-b6caa69c0648436954da7e018ece3bcd_h

Aínda o viño que aquece esta tarde o verán

no repouso do tempo detido

ten a lúa remota a brotar do seu fondo

e a raíz da súa cepa encovada na terra.

Grato é procuralo cos labios

abrazar no sosego da carne ese líquido inmóbil

e gozar da súa luz, da súa pel madurada,

dese ouro a romper, indeciso e brillante,

que a agonía demora.

Gardo o aplauso secreto e o gozo que enleva

esta alegre loucura.

E me adentro nas augas do limpo torrente a brindar pola tarde,

polas horas que xacen e son como un voo,

pola idade que acaso está erguida entre as uvas,

como un leve pardal a anunciarnos o outono. 

Carta de viños: Das Rheingold

Non era deses tintos que soen permanecer
na boca como orballo de cinza ou de silencio
nin tiña esa frescura das lamas invernais,
a lírica alianza de terra e flores murchas,
mais lía a pel dos labios co tacto dunha uva
e mesmo acariñaba o fondo do teu ventre
deixando un voo manchado coa borra do delirio.

Non sei de onde proviña. Si sei que era do Rhin,
das terras en que a serpe do río se fatiga
lentísima en meandros de viña e cereal,
da terra en que a fronteira agarda máis alá
en campos disputados en décadas sen conta.

De todas as garrafas que abrín na miña vida,
aquelas que me deron acougo na tristeza
ou esas que empreguei no brinde ou na derrota,
ningunha máis distante da néboa ou do luar
que a escura, case negra, bebida xunto a ti
a noite en que chegamos a Alemaña.

Carta de Viños: Chandon de Briailles

Chegada foi a tarde do príncipe dos bardos,
o día que as idades soñaron coñecer,
o tempo prodixioso das lámpadas escuras,
a época feliz do canto e da memoria.

O viño que preludia o tráxico da hora
ten nubes que aventuran acaso unha tormenta;
o vento sobre as harpas derrama os seus acordes
e volven violetas e tintos xa esquecidos.

Que foron derrubadas as portas de Noé,
que alguén chegou rompendo cancelas no solsticio,
que foron masas longas de xente a procurar
os índices das vellas colleitas abatidas.

Oh épico e feliz o tempo das hortensias,
oh lento o seu murmurio de lámpadas e canto,
as luces que preludian o tempo prodixioso,
e as portas de Noé, cancelas no solsticio,
cos viños a emborcarse na rúa sobre as horas.

Carta de viños: Muscadet

Non sei de que están feitas as uvas, de que lúa
provén esa dozura que deitan polos labios
no instante de perder a vida, ese clamor
rotundo dos seus corpos como esferas.

Tamén son ignorante das vellas variedades,
aquelas que bebían nos ágapes de Baco
as deusas, as escravas, os bardos de occidente.

Mais poucos son os viños que puiden derrubar
na alma como un río de froitas e silencio.

E menos, entre estes, aqueles que sentín
perderse pola lingua nun hálito de música,
o mesmo que se a noite solemne me espertase
e andase coas súas lámpadas furando a escuridade.

E, acaso, deses poucos, ocupa o sobranceiro
lugar aquel tan cálido, espeso, esvaecido,
que alguén nos regalou chegando a Montlouis.

Catar aquel xarope oh fíxonos oír
as augas preguiceiras do Loira cara a Nantes.

Carta de viños: Medoc

Dos pousos que deixaron os viños que bebín,
aqueles gorentados no inverno na distancia
ou eses que soñaban a luz do sol de Grecia,
ningún máis acabado, máis limpo no padal,
que aquel co que brindamos nas terras do Medoc.

Se agosto estaba cheo de feiras e de festas,
o día derrubando no cénit do seu brillo,
ti andabas concluíndo a vella ladaíña,
roendo unha mazá de soños, a laranxa
que a tarde derramara no rumbo cara a Francia.

Non foron ebriedades de viño o que sentín
senón unha lixeira fatiga, un arrebato,
un círculo fechado, vertixe polas mans,
estrelas que distantes deixaban a calor
da luz do mediodía no peito transpirando.

Así que non xurei, non dixen. O silencio
abriu como unha carta o voo da eternidade.