Graza

Feliz quen acomete a inxesta de licor
Pasado o mediodía. E senta na esplanada
Dun cómodo local a ollar virar o mundo.
(Alguén dispón a música que xorde desde dentro)
E escoita esas cancións antigas que perderon
O eco e a tristeza.
Moedas vai deitando nas mans dos vagabundos
Ou mesmo vendedores de discos e paraugas
(Sabendo que a súa esmola non é nunca xustiza).
E sente a vida estraña. A vida, ese galano,
Incógnito surtido de lama, dor, misterio
E tardes coma esta.

myWPEdit Image

Advertisements

Da feliz deambulancia

myWPEdit Image



Só quen anda transeúnte por hoteis e residencias

E coñece as humidades deses leitos percorridos

Por cen corpos anteriores; só quen bebe das redomas

Tristes líquidos erguidos desde un pozo solitario

E convén que as augas levan unha galla de oliveira

E un vello son de frauta

Coñece o mundo aos poucos e déixase levar

Por fondas e pousadas seguindo o aroma quente

Dos fornos e dos caldos.

Feliz quen deambula por camas de pensións.

Agrícola

Acios

Non deixes que as túas vides se orienten ao solpor

nin plantes entre elas salgueiros, bidueiros

ou árbores de sombra.

Que aquel que o gando induce por prados e panascos

non prenda lume alí

nin paren a aquecer brebaxes os vaqueiros.

As cepas máis ruíns conserva e desconfía

daquelas que medraron esguías, siderais.

Que sexa unha tormenta quen as regue.

Que o vento lamba nelas promesas en abril

e o sol sereno acenda mil brillos polos acios

nas lúas derradeiras.

Non deixes que as túas vides se orienten ao solpor.

E o mosto catarás celeste por setembro.

Neve tibi ad solem vergant vineta cadentem,
Neve inter vitis corylum sere, neve flagella
summa pete aut summa defringe ex arbore plantas
tantus amor terrae

Virxilio, As Xeórxicas  II. 298-301

beata (soneto en alexandrinos brancos)

tumblr_m1gt2n0oCt1rr10yho1_500

feliz quen considera sentar xunto á ribeira

os ollos percorrendo o outono sixiloso

que nada está detido e todo cesa e cesa

imaxes que aínda brotan do pano da distancia

e un día sen sabelo despois de moitos anos,

ociosa te conduces por prazas e ruelas

acaso consumido o pan da mocidade

coa lámpada da tarde morrendo vespertina

e asoma entre a fariña do mesto neboeiro

a nada unha carencia sen límites total

que acende o seu martirio no corpo imaxinario

xa non terás opción non volve a mocidade

navega sobre as augas volubles sinuosas

sen présa por tecer o texto da existencia

rito

tumblr_m1bowegFE11qfoopyo1_500

nalgún lugar remoto nun voo de sono fráxil

o viño catarás gozosa ou as améndoas

 

os carros e tractores ornados con acacias

as portas que che abran o templo do porvir

collendo margaridas ou vendo aves canoras

os ríos as murallas os bosques os palacios

o gris emborrallado do inverno na distancia

Manhattan como un longo distrito de tristeza

figuras de deformes penínsulas ou illas

un lume que se prenda nas augas do cristal

 

así florezan sempre os ímpetos de maio

misterios sigan vivos enigmas se derramen

e nunca en contra deles sospeita manifestes

en reinos ocupados por ritos e por crenzas

lunática

Kacper Kalinovski

feliz quen deixa o mundo dos triunfos e a vaidade

erguendo bafos leves na pedra e nos tellados

por bosques de maceiras

e axiña ve faíscas sinais de resplandor

nas voces que nos fundan

nas illas prometidas no cálido lugar

e sopra un aire antigo de xentes que partiron

 

quen poucas esperanzas dispoña no porvir

deposto e derrotado de pánico e fracaso

monólogo de sócrates á espera da cicuta

nas noites de fechada libraría

consulte vellos códices repase vellas cartas

e o mar sexa con el pacífico tranquilo

e afine as cordas negras da tarde no piano

vagando entre os resquicios de insólitos banquetes

inerme e namorado da triste e solitaria

a lúa cos seus brancos atavíos

o corno inglés

english-horn

 

non tiña na mirada de febre ou de solpor

ningún tesouro antigo que houbese que lembrar

que só levaba escritos os códigos do pan

o xeito en que o centeo fermenta e fai crecer

a masa da tristeza nos cálices do outono

 

non tiña outro percurso que os ollos a virar

seguindo o voo dun verso o rumbo dunha frase

a onda dunha fusa na caixa dun piano

ronsel de borra escura un rastro de misterio

 

por iso andaba sempre seguindo algún enigma

por iso esparexía mazás polos sobrados

 

soubera cinco cousas e mesmo procurara

gardar algunha dúbida prender algunha sombra

e dera finalmente en coñecer

os códigos da noite as cábalas dos lustros

 

tamén levaba impresos nunha folla

sinais de prata e cinza e tórridos arcanos

 

que tiña unha mestura de silencios

e músicas durmidas

cancións que o vento deixa nos parques con salgueiros

por ver se chove un día a música do pranto

 

fixera unha elexía a un vello amigo morto

un barco con incendios que deixara

arder até queimarse

 

tocaba un instrumento do misterio

a harpa o violonchelo

acaso o corno inglés

menciñeiro

66964763

deixara unha semente de cinza fermentando

nun cuarto de aluguer

tamén algunha espiña de peixe derrotado

e un eco de misterios fervendo nunha pota

con dentes de animal e ósos de lagarto

pois era toda a ciencia que herdara dos seus vellos

o cómputo total de signos e de cábalas

 

fuxira cara ás terras do solpor

levando no seu peto esta fortuna

 

un lustro polos ríos da Arxentina

e veu co seu silencio e un século de neves

sen nada que gastar

 

e foi de novo dono da semente

no cuarto de aluguer

tamén daquela espiña e dos enigmas

a ciencia toda oculta nos seus cofres

 

dispuxo entón receitas e menciñas

e deu en practicar os ritos do misterio

tamén en percorrer o monte por camiños

de lamas entre fentos e xestas e carqueixas

 

e fíxose chamar o rei da néboa escura

o insomne baluarte de occidente

portrait of a lady

4326999

gardou logo nos cofres as xoias desveladas

os ouros que fervían nun brillo de ilusión

e foi seguindo círculos e rodas

varandas que deixaban ollar para o silencio

e viu a luz que acenden os misterios

 

dispúxose daquela moi dentro da súa casa

o mesmo que un espello que olla noutro espello a imaxe de si mesmo

 

saía a camiñar

 

seguía os cursos altos das aves polo outono

e ás veces recollía pigmentos do serán

coa cámara de fotos

 

tamén bebía en vidros os líquidos dos campos

insomnes bebedizos que viñan acender

no corpo o seu inhóspito desexo

 

e fíxose distante

de feito inescrutable

 

un longo e devalante discurso de si mesma

como todos os discursos

como todos os suxeitos dos discursos

 

eu son, dixo por fin

a escura pega ida,

a ave que alimenta as néboas na distancia

nota para unha enunciación en terceira persoa

eadweardmuybridge_lelandstanfordjronhispony-gypsy-_phasesofastridebyaponywhilecantering_1879

alguén fora dicirlle que había algo de luz

no fin do corredor

un cuarto con lectores ou amantes

prendidos a unha lámpada

a daren conta certa da paixón

mais el non precisaba oh nada que xurdise

das voces dos humanos

nin cantos nin palabras nin soños nin consolos

só un eco dos enigmas a sombra dos misterios

o pórtico entreaberto unha cancela

que dá para un panasco con cabras a roer

a herba que lle medra para marzo

 

fartara de saber segredos ou astucias

de ser a testemuña tristítimo albacea

de ver verter no saco da tristeza

borralla da esperanza

por iso non seguiu aquela senda

virou de cara ao sur

a algunha desas vilas onde nace

o mar do esquecemento