Intencións

myWPEdit Image

Das borras que deixaron os anos na linguaxe.
Das dársenas que pintan os viños pola mesa,
Do pan que coce a noite, e dos misterios do espello,
Direi, algo direi, se as sombras e o silencio
Mesura e harmonía, tamén moderación,
Frugal austeridade e sobria continencia,
Non piden que execute. Suplicio sen martirio.

Dos vellos cereais que aquecen polo escuro,
Dos diques que perfilan licores sobre o chan,
Das tebras que percorren as arcas do mutismo,
Direi, algo direi, se o tempo mo permite
E as dores non me inclinan de máis para cantalo.

Non outros os designios que levo nesta empresa,
As metas do percurso, os fins da camiñada.

Advertisements

Panóptico

myWPEdit Image

As cidades dormitorio son prisións de obreiros tristes.
Novos campos de exterminio.
Non hai fornos crematorios.
Mais hai televisión.

Nas cidades dormitorio a xente ten insomnio.
Centos de corpos a dar voltas
no leito ou espertando
a cada pouco por mor dos pesadelos.

Na cidades dormitorio ninguén dorme. Son felices
Cando venden o alugueiro da existencia
E reciben pagamento de ilusión.

OH HIBERNIA, VIDRO ROTO

_home_xoo_applications_xoophoto_public__photos_a0_7633_3691522967_f589ef0e92_o-585x0

Conságrame de novo esta ferida

E verte na súa chaga escuro viño

Oh Hibernia, vidro roto,

Un nome baixo o voo da enredadeira.

 

Igual que os mariñeiros que, errantes na soidade,

Percorren no silencio a branca néboa,

E gardan no seu peto as herbas do lugar

E o cólico do inverno

Así tamén aqueles que andan a fender

Cos ollos o diamante das sireas,

Oh espiña de país, cidade torturada.

 

Trae contigo as chaves vellas de cobre,

O espléndido almacén enferruxado

Onde gardas os séculos

E os libros balorentos das idades.

Reúne ao pé das torres o teu pobo,

A luz dos máis capaces con pel de sombra

E verte enriba deles unha rede

De flores e de espadas

Acaso cando chegue o novo inverno.

Fermenta nos seus cálices o voo

Do tempo sobre as cousas

E dálles a beber melancolía.

Despois regresa ao templo e comparece

Nas hortas falecidas dos feridos

E funda unha república de soños,

 

Oh Hibernia, vidro roto,

Un nome baixo o voo da enredadeira.

A bandeira do cisne

tumblr_m5ois1QTOK1rpazueo1_500

Se un día, entre os que aínda che depare o teu porvir,

ves un campo con despoxos, refugallos do pasado,

e procuras encontrar entre os centos de ruínas

o sinal dos que entregaron o seu tempo a esta quimera,

non te inmutes, non te perdas.

Darás moi facilmente connosco no lugar.

Basta que ergas a cabeza e procures esta enseña:

a bandeira do cisne.

Nova exhortación ao maldito país

Aquí me tes, vello país.

Velaí outro poeta.

Xa che dei  os mil poemas

que noutrora prometera.

Podes, pois, esparexelos

como cinza sobre a tarde

ou deitalos no baúl do esquecemento.

Non che pido outros honores.

Fun feliz co meu destino.

Mais non deixes que se borren

as palabras, a linguaxe,

o tear con que foi feito

este incerto tapiz.

maldito país

photographicsurrealism1_thumb

Raza escura galaica

de rústicos instintos

que inxusta sacrificas

os teus mellores fillos;

madrasta desleirada

de designios cativos,

proxenie ignava e inculta

que aborreces teus ínclitos;

da polvorosa gleba

pobo tan só engreído

e ás cousas inclinado

dos escuros sentidos;

¡ai de ti, dura raza,

de proceder esquivo…

Eduardo Pondal

Ah, meu país,

Meu maldito país.

E pensar que che entreguei o mellor da miña vida

Para só recuperar froitas murchas e fracasos.

Para sempre arriarei do meu peito a túa bandeira.

Tagebuch II

Elliott Erwitt

Do vento que proviña do fondo da mañá chegaron algúns signos.

Anacos das bandeiras que se ergueran nos soños do mencer,

cristais que esparexeran antigas redomas agora rebentadas polo tempo,

farrapos dos vestidos que os príncipes usaran nun baile xa esquecido.

 

E púxenme a mirar para os espellos

levando unha canción prendida no cabelo,

as portas viseladas dos roupeiros

que alguén bañou un día con azougue

e agora andaban cheas de cancros e de cinza.

 

E vin como saían dos meus ollos as imaxes

durmidas sobre os prados da retina:

cabalos que pasaran había moitos anos

seguindo a vella senda do solpor,

os bois que tempo atrás turraban dos invernos

levando unha lameira sobre o lombo,

o incendio dalgún monte erguéndose no alto,

os aires posuíndo a fumarada.

BAIXAS PRESÍÓNS

xyntia2702_grande

Acenden este inferno de lóstregos e chuvia

Os deuses abatidos que queren derrubar

Os ecos máis primeiros da nova primavera.

Así ese clamor que brota nas maceiras,

As flores culminadas, as froitas gloriosas,

Desgástase e fenece, olvida o seu destino,

Convértese en Xaneiro o Maio renovado.

Maldito este país, se chove miudiño,

Maldito se a beleza dos seus antigos campos

Se fende coa presencia de fábricas, estradas,

E as vellas carballeiras, antigos pomariños,

Son tártaros, avernos, con altos edificios,

Insólitos lugares as novas barriadas,

E xente acreditando ser isto o seu progreso.

Maldita esta paisaxe se pouco fica xa

Daqueles verdecentes praderíos e costas

E en vez de castiñeiros asoman construccións,

inmobles, residencias, ferindo o seu encanto.

Maldita a paisanaxe feliz de estar vivindo

No medio deste abismo, tormento dos sentidos,

Castigo dos que, tristes, mal damos soportado

A lenta podredume, o infame deterioro.

Mellor será fuxir, buscar outro país,

Ben lonxe dos ineptos, de imbéciles e escuros,

E nunca máis voltar, facer de novo a vida,

Deixar que o esquecemento nos borre estas imaxes

De pánico e espanto, de asombro e turbación.

¡Que país, que paisaxe,

que triste paisanaxe!