Entre as árbores, Aurelia, as máis belas as acacias.

Entre as árbores, Aurelia, as máis belas as acacias.
Mais, quen aclama a súa excelencia?

Engalanándote de oboes que poñen prata sobre a terra
e unha breve oferenda de cinza nas augas
pasas, garza, sixilosa, a ebriedade da súa sombra,
culminada entre os vapores que anteceden a paisaxe
e son resquicios olvidados polas algas
mentres neva no verán unha luz alta que me arrinca
dores cárdenas e brotes
de dalias
no silencio
e vas tecendo o fío doutra tarde para as Parcas,
rescatándome febril como a túa ausencia
se, profeta do declinio, aínda soño cos ocasos
ou se, eremita, na soidade do deserto planto flores que non xerminarán.

Pois das árbores, ah Aurelia, tan fermosa como a acacia,
treme o pano das túas roupas que abanean na estación
de brisa lánguida e nacente
e hai asombro de mirarte contemplándome nas frautas
que aínda tanxe o vello Pan
se, caduxo, entre os poemas deito ás veces tantos lirios
como agosto me concede
ou se, funéreo, me culmino con loureiros de tristeza
e pervagando polos ríos durmo á sombra dalgún choupo.

Porque, Aurelia, destas árbores ti es acaso a máis devota
e só eu aclamo a túa excelencia.

Advertisements

sombra

ao pousares a mirada sobre o lombo deste val
percorrendo casas pontes e nogueiras e carballos
podes ter a sensación de que o tempo está detido
de que hoxe este momento acontece hai vinte anos
a primeira vez que entraches no misterio e na tristeza
como un boi de andar pausado e filósofo en silencio

mais ti sabes que esta terra non se deixa posuír
e por iso está distante nas alturas inspirada
cobizosa como as aguias do seu voo sobre o planeta
e misántropa a fuxir dos humanos e o seu trato

esta terra que é de rocha e de augas e de vento
e de neves que se deitan polo inverno a descansar
derrotadas nun acougo misterioso

que esta terra é sabedora de que deus xa non existe
pois coñece como poucas o abandono

é por iso que hoxe chegas xa pasadas longas décadas
e repousas a cabeza sobre os leitos vexetais
e procuras xunto ao río souto ameno e fresca sombra
fatigado de ti mesmo
coa esperanza de esquecerte

Exortación ás ameixeiras

Benvindas, oh ameixeiras, floridas no final
Dun xélido febreiro. Eu son o que cantou
Idénticos excesos nun ano xa perdido
En prístinas calendas. Daquela índa cría
Poderme contaxiar coa lírica doenza
Da vosa prateada, celeste floración.

Mais hoxe estou ferido, despois dun longo inverno
E todo o que vos diga debédelo ubicar
Nos ánimos mordaces daqueles que desexan
Voltar de novo á vida, ser nenos outravolta,
Agora que afectados da idade no fluír
Sabemos certamente que algún deses vindeiros
E próximos invernos será longa viaxe
Sen meta e sen regreso.

Meditación sobre as árbores

As árbores que somos por veces facilitan
O curso dos paxaros celestes do destino
E sonlle gratas fondas, hostais onde acollerse
No rumbo da súa incerta travesía.

Por iso solitarias, gregarias ou espidas,
Sen follas ou ramaxe, as árbores sabemos
Tratar os visitantes, dispor a súa hospedaxe
De xeito que se sintan contentos, satisfeitos,
A casa vexetal, máis alta do que a terra.

As árbores caídas acollen menos aves
E son nobre despoxo de inmundas alimarias.

Así que, derrubada a altiva laranxeira
Que foi a miña vida, agora o campo está
Máis orfo sen a forma rotunda das súas polas,
A herba non ten sombra e xa ninguén accede
Aos froitos saborosos orlados de xiada
Que o vento lle arrincaba algunha noite.

Oh aves que vagades os aires de setembro
Deixádeme sentir por vez xa derradeira
O tacto dese súbito, celeste planear
Deténdose nun intre, o voo sobre a madeira.

Elexía

Recórdame, figueira. Eu fun quen te plantou
á beira do valado do camiño.
Era mozo e tiña aínda o silencio das labercas,
o metal prateado das augas baixando
para alén da vella casa.

Debeu ser polo setembro. Ti só eras
algúns brotes que deixei apodrecer
e unha breve raíz que regamos.