Do real e a realidade

Cando un se detén a ler polo miúdo obras clásicas, pertencentes aos primeiros períodos, descobre unha estrañeza inquietante que non ten tanto que ver co que se nos conta nin coa forma en que se nos conta senón que pertence ao que poderíamos denominar estatuto da mirada. Quen se ocupa de contar non é alguén, no sentido que ese “alguén” poida ter no mundo contemporáneo, senón unha voz que actúa como delegada da propia lingua.

Quen fala é a fala e do que se fala é do imaxinario da comunidade. Non hai un Eu implicado na promoción do discurso, nin un individuo que se xogue o prestixio, defendendo a causa que se relata. Hai, simplemente, unha literatura de base, un relato e un canto radical, de raíz, que amañecen como arte necesaria.

Existisen ou non os Homeros e as Safos, o certo é que o tempo clásico aínda non construíra nin a noción cartesiana de individuo nin a noción kantiana de persoa nin o descendente decimonónico do Eu, finalmente asasinado como un Laio calquera polo Suxeito freudiano, escindido desde o inicio, como Edipo, entre o consciente e o inconsciente.

Vén isto a explicar que a nosa relación co literario, en tanto que lectautores, en tanto que suxeitos agachados por debaixo da autoría, parte sempre dunha escolla. Debemos optar por sermos individuos, persoas, eus ou suxeitos. E esta escolla inicial vai ser decisiva, non só no produto literario resultante e no seu excedente de “realidade”, senón no relato que caiba, no sucesivo, elaborar como autoría.

Na novela moralista e ruín, cifrada desde o inicio como variación dun catecismo, non caben os Ulises e os Hamlets, nin os Edipos e os Quixotes. Porque o modelo de suxeito é sempre o individuo cartesiano, un suxeito aínda non escindido entre consciente e inconsciente, e que responde ao Ego do cogito ergo sum. Un Ego que se pensa pensando e que precisa da “realidade”, producindo sen cesar “realidade”. A literatura como medio de produción da “realidade”, construción ideoloxizada do Real inefable. Mais a literatura, xa sabemos, pertence ao reino dos soños.