O outro do mito e o mito do outro

A continxencia ou a providencia. Entendo que, fronte á noción clásica de providencia, a alternativa da continxencia foi inicialmente unha solución laica e racionalista. Providencia implicaba o sentido de designio, de deseño prefixado. A historia estaría previamente escrita. E este tema do designio-deseño previo e da historia xa escrita merece ser repensado. 

A providencia sería o coidado dos humanos e do mundo que os crentes atribuen a Deus. A providencia como disposición ou como medida de prevención ou provisión de orixe divina. Sabéndomos como sabemos que a historia é o fluír inacabable do desastre, que esa demostración de caos e de desorde fose ditada directamente pola divindade abriría un sen fin de paradoxos e aporías. 

Eran os humanos os que procuraban encontrarlle un sentido á historia, construíndo así a providencia. Non era tanto a idea de Deus, artífice da creación, incluída a humanidade, como da humanidade partícipe dunha necesidade de explicar o mundo. Non era Deus a velar polos humanos como os humanos a velar por Deus como principio, como sentido, como explicación. 

Coma sempre, interésanos moito a palabra: pro-videncia. Unha videncia antecedida, precedida. A videncia que antecede ao acto e que xa non é visión senón mirada. Dixemos xa que o mirar sen ver tiña cinco descendentes posibles: a ficción, o soño, a cegueira, a lectura e a ideoloxía. A providencia será, por tanto, todas elas, porque na súa pro-visión non pode ser outra cousa que mirada. A providencia, en tanto que mirada, sería un campo de coñecemento a encher directamente pola narratoloxía, isto é, un terreo a ser enchido non de imaxes senón de palabras. 

A providencia conduciu ao milagre. 

A continxencia conduciu ao acontecemento. 

Diríamos, por tanto, que o acontecemento é un milagre laico e o milagre, un acontecemento relixioso. 

Milagre e acontecemento son, pois, a mesma cousa, vista desde distinto ángulo, desde diferente perspectiva. Mentres a providencia brota de (e conduce a) o mito, a continxencia xira arredor do Outro. O mito, que non existe mais insiste, é miragreiro. O Outro, que é a linguaxe que nos sucede e antecede, é epifánico.