Carta a Sara Jess

Oh Sara, ti, abraiada, na lámpada das horas:

que ben que agora teñas proxectos de viaxe,
que inunden os teus soños escenas do porvir,
erráticas xornadas por terras sen destino,
solpores doutros mares, menceres doutros ríos.

Tamén noutros momentos da vida que xa esbara
eu fun un bardo vago e músico de rúa,
e andei por terras altas, distintas entre a néboa,
tecendo entre os meus dedos os fíos da existencia,
o instante en que, inda novo, un pode decidir
camiños nos cruceiros e rumbos nas estradas.

Andei aquelas rúas, sentei naquelas prazas,
fumei cada cigarro que tiña que fumar,
e souben que se ía o tempo neses días,
e tiven non sei que nostalxia de estar vivo,
acaso un sentimento sublime de esplendor
que segue fiel a min e nunca me abandona.

Eu creo que son Ese. Non outro me seduce.
Mais sendo acaso Ese tamén son moitos outros,
pois Ser non pode ser inmóbil, estantío,
senón puro devir.

Así que sigo errante a errática ambulancia
dos días e das horas, dos ríos e os outeiros.
Prosigo no que segue, sucedo o que antecede,
e vou de cuarto en cuarto, de música en imaxe,
tronzando os abandonos, soñando esta soidade,
mais certo cada vez de ser o que se perde,
transido polo tempo que deixa luz e néboa,
as portas con xiada, os vidros abafados.

Advertisements

Andan aves a pousar polas sombras da memoria

Andan aves a pousar polas sombras da memoria,
Sen permiso,
Como entrando desde a néboa
Por unha porta escura,
Sen quereren amolar,
Unha brisa tan sutil a que moven coas ás.

Seica veñen desde o olvido,

Por camiños xunto ao mar do esquecemento.

Traen no bico unha guirlanda,
Unha carta
Que alguén non enviou,
Un borrancho
Sobre unha folla murcha.

Círculos de sombra

Xa todo aconteceu. O tempo está detido.

Aquilo que esperaba non sei por que razón,

as épicas da vida, as glorias da existencia,

vocábulos que os ventos roubaran nalgún pozo

prendidos a unha lámpada, 

ficaron estragados, en cinza a derramarse. 

Só queda o que roubei ás brétemas do ocaso.

O premio da memoria. 

O peso do tormento. 

Un fío de augas limpas nos círculos da sombra.

As dúas polarizacións básicas da escrita casariana

Este traballo forma parte dun traballo de dimensións moito maiores que estamos a desenvolver desde hai un tempo a partir da obra literaria de Carlos Casares. Trátase dunha análise e descrición da súa poética feita segundo os recursos da semiótica greimasiana, da psicanálise e da crítica da ideoloxía. Encontramos que estes trebellos analíticos producen resultados de interese á hora de dar conta da evolución histórica e estética da nosa tradición narrativa ao longo dos últimos lustros. Moitos dos asuntos que son relatados aquí serán obxecto de obxecto de estudo en dimensións amplificadas nun traballo aínda sen rematar mais que xa camiña cara á súa culminación, tanto na concepción como na redación.