NOTAS A UNHA PRESENTACIÓN DO FILME D´A ESMORGA

NOTAS A UNHA PRESENTACIÓN D´A ESMORGA PARA A ASOCIACIÓN DE PSICOANALISTAS DE GALICIA

Agradecementos:

  • ás persoas responsables da organización do acto polo seu convite
  • á presentadora polas súas palabras
  • a todos vostedes pola súa presenza

Dicía Gilles Deleuze que o cine é, entre outras moitas cousas, unha situación filosófica que se evidencia na presenza de tres paradoxos fundamentais:

  • Presentar un sentido de verdade dentro da mentira absoluta, do artificio total.
  • Ser unha arte (aristocrática) de masas (necesariamente democrática).
  • Promover unha emoción do tempo, que é diferente da vivencia do tempo. 

O tempo é invisible pero pode ser mirado. Unha historia non é máis que tempo, invisible, mirado. A cita é da miña autoría.

E encomendáballe á crítica tres tarefas fundamentais:

  • Esclarecer as eleccións fundamentais da ficción do filme, o que sería tanto como sinalar o par de opostos semánticos que rexen na súa semiose, na súa formación como obxecto estético.
  • Esclarecer, tamén, as relacións entre ese pensamento e o poder.
  • Esclarecer, finalmente, o valor dentro do filme do acontecemento, da distancia, da ruptura.

Eu creo que o sentido de verdade que asoma dentro do filme d’A Esmorga provén, fundamentalmente, alén dos múltiplos encomios que poderíamos facer da interpretación, da dirección, da fotografía…, da novela de EBA na que se inspira. 

Situémonos en 1956. EBA en Bos Aires. 

  • O vello mozo galeguista, xa rozando os sesenta anos, goza dunha situación acomodada dentro da intelectualidade arxentina. Imparte clases e conferencias, publica nos principais medios de comunicación, posuidor dun capital simbólico importante. 
  • O seu idioma de comunicación é o castelán, mesmo cun acento porteño que o acompañaría até a súa morte. 
  • Inicia a súa psicanálise. Acaso debido ás malas críticas que obtivera da publicación da súa xenial novela La Catedral y el Niño, unha obra magnífica que non ten sido valorada suficientemente dentro do sistema literario español, en parte pola súa temática homosexual. 

E alá nos meses de Maio e Xuño dese ano de 1956 ten lugar a enxurrada textual e discursiva que provoca A Esmorga. Unha enxurrada que o propio EBA describe como un rapto, un arrouto, un arrebato, á maneira romántica, que o ten atado á máquina de escribir durante varias fins de semana nun pequeno apartamento que tiña no Mar del Plata. 

O primeiro que o sorprende é que ese arrebato fose en lingua galega. 

Os gregos chamábanlle a ese rapto, a ese arrebato, epilepsia. 

E na enxurrada textual de EBA o personaxe que narra é o Cibrán, un epiléptico, que denomina a súa doenza como “o pensamento”, “cando todas as cousas lle veñen á cabeza a un tempo”. 

Se La Catedral y el Niñoera, en grande medida, unha novela de palimpsesto, moi axustada ao modelo do realismo decimonónico, A Esmorgavai ser unha novela de escoita, de emerxencia do rumor de conciencia, da fala que nos fala. Pasamos do estilo directo ao estilo indirecto libre.

No fondo non só está a psicanálise e a súa crítica do eu, trasladable ao propio concepto de autor, senón tamén o pensamento de M. Bahtin e os seus conceptos de dialoxía e heteroglosia. Digamos que hai un salto desde o autor como individuo ou como persoa ao autor como suxeito. 

Dicía M. Foucault que “toda institución é un modo de enunciación”. 

Estamos a dicir que a institución colonial de Galicia ten unha enunciación epiléptica. 

A Esmorga é, por outra banda, un modelo de influencia do existencialismo francés na literatura galega. O suposto conflito entre Vontade e Continxencia asoma nos personaxes do Bocas (que ten un proxecto actancial definido, “estar cunha muller que non sexa puta”) e o Cibrán, exposto por completo á ventura. Mais como Lacan dicía o desexo é, fundamentalmente, Continxencia. Por tanto, non hai máis que Continxencia e a súa concreción diexética no Labirinto. 

O William Faulkner de The Sound and The Furyasoma aquí, como o Shakespeare de MacBeth: “Life’s a tale told by an idiot, full of sound and fury, signifying nothing”. “A vida non é máis que o conto dun parviño, barullento e iracundo, sen nada que dicir”. 

Por tanto, a Galicia que deriva na decadencia do Antigo Réxime é o relato dun brután errante de desexo, perdido no Labirinto da transición á modenidade que nunca chegou, feito por un epiléptico. 

A Galicia colonial, entregada á Continxencia, sen proxecto, sumida no Labirinto, e a súa ENUNCIACIÓN EPILÉPTICA. 

Velaí a alegoría nacional da que falaba F. Jameson na súa teoría da novela. 

M. Forcadela, Vigo, 18 de xaneiro de 2019

Advertisements