Semiótica da ollada

A miña docencia sobre Semiótica Da Ollada fixo que ao longo dos anos pretéritos dedicase unha parte do meu tempo ao estudo e reflexión sobre a pulsión escópica e a súa relación co carácter enunciativo e durativo da conciencia. Froito deste afán son as numerosas fotografías que foron enchendo as miñas notas e poemas. 
Nesta serie, aparecen dezasete fotos do patio de edificios que se ve desde a cociña da miña casa. Esta é a imaxe coa que me saúdan os días á primeira hora da mañá. Mais, tamén, a imaxe que me ofrece, decote, unha “presenza da distancia” e, tamén, unha “distancia da presenza”. 
Hai mañás que se aproximan cunha fenda de distancia. E hai distancias que se tornan en presenzas. A ousía dos gregos, ese ter lugar do presente da presenza. 
Nada nunha foto é instantáneo. As instantáneas non existen como fotos, só como imaxes. A foto é unha elaboración e unha construción que precisa dun ego rector, empoleirado no cimo da súa existencia e da súa cultura. As imaxes poden estar enchidas de continxencia. Mais, na foto, todo ten sentido de vontade. Ademais, o tempo de apertura do diafragma, 1/40, 1/80, ou 2″ ou…, indica que a foto é movemento, duración. 
Se a mirada é o que non se ve (Lacan), fica claro que a mirada está feita de palabras, de discurso. No fondo, a écfrase dos gregos e da retórica clásica. 
Como no discurso escrito ou falado, a foto está cercada pola elipse, polo inefable, polo que non damos dito. Chámase encadre, enfoque, definición, todo aquilo que vemos mais que non miramos. Se no plano invocante a escolla é entre oír e escoitar, no plano escópico, a escolla é entre ver e mirar. 
O triple episodio lunar foi unha epifanía matinal feita a partir da lembranza dunha novela de Haruki Murakami na que unha seita exotérica era quen de ver varias lúas á vez. 
Unha das primeiras lembranzas que teño de Álvaro Cunqueiro é a dun señor maior paseando pola Alameda de Vigo embebido na contemplación dunha anada de estorniños. 
Unha mañá de fados e labirintos. Os labirintos textuais de Emily Dickinson que traduzo, coa miña colega Marta Dahlgren. 

Xa no inicio da tarde coa mañá esvaecida e a gravidade da música facendo eco das nubes esponxosas e negras. 

Que tempos que nos chegan / Descordados e tortos, / Barullentos e iracundos, / Sen teren por que vir.

O tempo é invisible mais pode ser mirado. Unha historia non é máis que tempo, invisible, mirado.
Ouro ten xaneiro oculto nos seus cofres conxelados. / Son lingotes que roubaron as tormentas polo outono. / Son alfaias que fixeron entre o escuro neboeiro / os ourives das semanas por novembro ou por decembro.


E así de mans unidas
Deitadas sobre herba a contemplar
A luz das avenidas
Vexamos sobre o mar
O mar do firmamento a rebosar.

Para invernos as gaivotas
Advertisements