De fumes, palabras e casas

 

Miriam Ferradáns, Nomes de Fume, Espiral Maior, 2018, 12,36 €

Miriam Ferradáns, Deshabitar unha casa, Concello de Outes, 2017.

 

Pertencemos a un lugar escuro chamado casa, dinos Míriam Ferradáns no inicio do seu poemario Nomes de Fume. Toda unha declaración de intencións, a pertenza, o lugar escuro, o nome casa. De quen vés sendo, pregunta a fala que nos fala. Ou, dito doutro xeito, non “somos” senón que “somos de”, pertencemos. E esa nosa pertenza desenvólvese, nin máis nin menos, que nun lugar escuro, isto é, nun unheimlich(estraño, foráneo, estarrecente), que polo seu nome (casa) debería ser todo o contrario (heimlich, caseiro, familiar, secreto). Velaí as regras desta fermosa partida de semiose que nos propón a poeta, nun percorrido breve mais intenso no que aínda han aparecer outras cartas da baralla.

Para fechar o poemario declarando: aquí estarás a salvo.

Asistimos, por tanto, á construción dunha casa, un habitáculo, un espazo que nos acobille na intemperie, que nos dea unha posición e un sentido, unha pertenza. De que nos diga, finalmente, de quen vimos sendo.

Non é pouco pedir. De feito, ese é, nin máis nin menos, un dos temas seculares da literatura, explicar quen somos, construír unha casa. Desde a Odisea ao Quixote ou Á Educación Sentimental. E esta interrogante que se promove ao longo das trinta e dúas páxinas de que consta o discurso ábrese a partir dunha perda, dunha ausencia, dunha morte. O poemario percorre, por tanto, un certo itinerario narrativo que vai desde a perda inicial ao consolo final. Hai nel, depositada, unha curación, unha terapia que ten que ver coa palabra e cos espectros. E é a voz que inicia estes poemas, un eu lírico espido e sen máis atavíos que a procura da verdade, quen vai vertendo, pouco e pouco, os datos que completan o puzzle.

Estamos diante dun discurso que se instala, de partida, nun modelo existencialista. Poesía que acompaña a existencia e mesmo brota como un froito da árbore do vivir, impregnado na linguaxe. Poesia na que, alén do artificio formal, existe unha procura de sentido proclamándose.  De sentido propio. De sentido do eu que se enuncia e, enunciándose, vén sendo.

De partida, unha presenza da morte, un acontecemento que promove unha chamada, un grito, unha advertencia, e este  chamamento da intimidade da conciencia perante a continxencia do tanático non ten outra resposta que o silencio do mundo. Gritamos e o noso grito pérdese no infinito e no baleiro. Non hai resposta que nos cure da soidade. Somos un infinito de soidades. e dese sentimento de soidade ontolóxica do humano asoma a angustia, unha saudade. Porque, proclama, “o monstro aliméntase de medo, da anguria a perder a casa, a non estar a salvo”. Daquela asoma o grupo porque, dirá, “somos unha famiia de lazos que matan”. Para rematar declarando “É difícil entender a tribo, pertencer sen ser devorado”.

Fica no interior o misterio do mundo e a súa representación na linguaxe. Algo que está presente desde o propio título “Nomes de fume” e que apela, por unha banda, ao arbitrario da relación entre significante e significado e, por outra banda, ao fracaso da linguaxe na súa tentativa por manter o xa caduco. Mais tamén, e sobre todo, a palabra fundadora e curativa. “Pregúntasme polo monstro: – Que palabra debería pronunciar para que arda?”

 

E non en van, estes Nomes de Fumeé o correlato dun libro anterior, editado hai xa un ano, de título enteiramente suxestivo: Deshabitar unha casa. A primeira pregunta que nos formula este fluír de imaxes e palabras é aquela imposible e irremediable de que é unha casa. Un corpo, unha linguaxe, un sentimento, unha lembranza. Cándo somos casa e cándo habitamos unha casa. A morada como estigma e como obxecto de desexo, o cuarto, as dependencias. O espazo como metáfora do ser, do ente, da presenza, do presente. A impregnación imaxinaria do espazo polo tempo. A morada como delimitación do espazo, como finitude do lugar. Ou índomos ao xogos de palabras, da metafísica incorporada, o lugar en que o lugar ten lugar. A casa sería, por tanto, o lugar en que o lugar tivo lugar moitas veces, permitindo na súa reiteración un olvido do fluír, do devir, unha ilusión da repetición e da permanencia.

978849459674

 

Advertisements