Suite da pastora III

Oh lirio do delirio,

Afástanos do escuro e da negrura.

Oh lirio do martirio,

A chaga que supura

Na mácula feroz da fermosura.

 

Oh grandes carballeiras

Na hora desta lúa que declina.

Detede nas fronteiras

A cega diamantina,

Errante polas praias, libertina.

 

Que pouco sabe Amor

Dun tempo derrubado de beleza,

A ver no mar maior

A néboa da agudeza,

Fuscallo derrubado de tristeza,

 

Detén, escura noite,

Aquela que se afasta no seu grito.

Dos ventos non escoite

As lavas do conflito,

As bágoas que en silencio precipito.

 

E déixanos, mencer,

Bandeiras a pairar pola ruína.

Que sexa este pracer

Que morde e que fascina

A luz que se esparexa na retina.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

41586213231_f4a5c6b4c3_o

Advertisements