Suite da pastora

Que vin como brillaba

Na liña iluminada do horizonte,

Na noite que baixaba,

A sombra dunha ponte,

No sangue que vertía pola fronte.

 

Oh cólico da voz,

Oh santos hematomas da palabra,

Oh cántico feroz,

Oh música macabra

Dos barcos afundidos pola abra.

 

Amor cando se achega

Amaña nas correntes remuíños

E pon na lúa grega

Espectros de pombiños

Que brillan sobre as pedras dos camiños.

 

Amor cando se afasta

Espalla o neboeiro sobre os ríos

E deixa unha nefasta

Ringleira de navíos

E fúnebres sinais nos atavíos.

 

Igual que lle acontece

A Amor cando decrépito dormita

E mesmo lle parece

Que os círculos transita

E as neves e os chuvascos precipita.

 

Que pouco sabe Amor

Dos males e negocios que orixina

Supondo que o mellor

Do mundo o determina

E ignora todo aquilo que arruína.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

28416134028_5c36652867_o

 

Advertisements