Altar

Nove banzos para unha poética do imposible.

1. A letra é unha mancha. O stylo, un punzón. O único texto inmaculado, a páxina en branco, o silencio.

2. As letras, que son manchas, en inglés tamén son cartas. Xente enviándose manchas. Garabatos de lama ou de sangue. Humanos.

3. O autor é como o dono dunha fonte. Pode posuír o cano. Mais a auga non é súa. Nin antes nin despois.

4. Literato, non letrado, o poeta colinda co pecador e o delincuente. O seu refuxio na linguaxe é unha fuga do cárcere do mundo..

5. O mundo como elipse. Cada segundo os relatos deben ser renovados. A primacía do misterio.

6. A elipse. O que nunca daremos contado. O que é preciso imaxinar. A fronteira entre a luz do simbólico e as tebras do imaxinario.

7. O simbólico non substitúe o real senón que o incrementa. Cada falar é un obxecto máis do que falar.

8. Digo. E, dicindo, o mundo é aínda máis inefable. Non hai silencio que me cure. Nin palabra que me salve.

9. E dixo entón o oráculo: “A letra é unha mancha. O stylo, un punzón…”

 

b00f937cefd22e6426ad630391407feb

Advertisements