Presentación da camiñante

Eu son a que pertence

Á noite que amañece na distancia

Na lingua na que vence

O fume da fragancia

Do corpo desprendido de substancia.

 

Eu son a falecida,

Aquela que durmía nas cancelas,

A música perdida

No brillo das estrelas,

Nas páxinas en branco das novelas.

 

Eu son a fuxidía,

A errante sen proxecto nin destino,

A escura e mais a umbría,

A cega diamantina,

A harpista que interpreta vespertina.

 

Eu son a que chegou

Nos meses en que os fríos acababan

E cansa contemplou

Que os tempos devalaban

E as neves para os ríos camiñaban.

 

Eu son a consumida,

Errante polas praias, libertina,

A vella devecida,

A antiga peregrina,

Ruína da fatiga, clandestina.

 

Eu son a que non é,

A sombra dunha música perdida,

Bisneta de Noé,

O vello parricida,

Aquela que deixou a propia vida.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

41373660742_e2883020c9_o

Advertisements

Segunda invocación á pastora

Por onde vas, pastora,

Deixando eses perfumes olvidados,

Oh sempre sedutora,

No límite dos prados,

Señora dos vencidos e os honrados.

 

Tamén dos derrotados.

Por onde te encamiñas arestora,

Irmá dos afogados,

Do alén conquistadora,

Asento para as luces, fundadora.

 

Por onde vas saír

Na hora desta lúa que declina.

Que podes difundir

Da tarde que se inclina,

Das sombras que o solpor xa determina.

 

Oh dime, flor secreta,

Pastora das hortensias e dos rios

Se queres que a poeta

Dos cantos fuxidíos

Acenda os teus recantos máis sombríos.

 

E mira cando miras

Na mácula feroz da fermosura,

Se cábalas inspiras,

Na boca unha mesura

Contraria da falacia e da impostura.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

39607291380_3b32c50bca_o

Invocación á pastora

Oh deusa que veneras

Do humano unha fortuna singular

E loas as austeras

Urdimes do tear,

As ondas con que achegas o teu mar.

 

Escoita, oh poderosa

Pantasma que apareces na memoria,

A música fermosa

Que verte pola historia

O sangue dunha chaga de oratoria.

 

Oh lirio do delirio,

Oh flor dos extasiados arrebatos,

Oh lirio do martirio,

Cesura dos hiatos,

Oh lámpada que verte nos regatos.

 

Ti, cérvida deidade,

Cuadrúpeda dos templos en que imploro

Da mística soidade

O fin do triste choro,

O cabo dunha idade que deploro.

 

Oh lúdica paixón,

Oh éxtase do corpo a gorentar

As lúas da emoción,

A lúa sobre o mar,

O tempo sobre o tempo a devalar.

 

Oh grandes carballeiras

Oh viñas de albariño e treixadura

Oh bosques de maceiras

E sombras da espesura,

Levádeme no voo desta procura.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

25955132807_465e531317_o

Aparición da camiñante

Igual que a camiñante

Que asoma nunha curva do carreiro,

Perdida ou esmolante

Nas neves de febreiro,

O mundo nos seus ollos por enteiro,

 

E cansa do camiño,

O corpo aterecido polo frío,

Vestida de albo liño

Asenta xunto a un río

E sábese da musa e do extravío,

 

Así percorro agora

Na tarde derretida de preguiza

A música indolora

Da luz que se enraíza

Nos prados e panascos de Galiza.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

 

39016678160_97851daa33_o

Indicacións de lectura

As páxinas que veñen,

Dispostas no vaivén dunha escritura,

Procuran e manteñen

No espectro e na figura

A mácula feroz da fermosura.

 

Son ríos que reverten

De augas acendidas polo día

E lúdicas que verten

Na noite a melodía

Dos nomes e dos verbos, fuxidía.

 

Non son para a lectura

Dos ollos recollidos no mutismo.

A chaga que supura

Ten sombra de optimismo,

Afástanos do escuro e da negrura.

 

Deberas proceder

No ritmo destas sílabas acesas

Ao lóstrego de ler

Na fe que lle profesas

Ao son, que polos labres xa remesas.

 

Así na partitura

Da estrofa na que verte o clasicismo

Asoma unha aventura

De luz e vangardismo,

As letras como augas do bautismo.

 

Achégate, por tanto,

Ao son que che asobía esta balada.

Afasta o teu quebranto

E asoma namorada

Ao ritmo desta música exaltada.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en formato epub

 

39016680680_62f050b4ee_o

Pórtico da gloria

É sabido que o Cántico Espiritual de Juan de Yepes y Álvarez é un dos cumios da poesía universal. Nunha conversa mantida hai quince anos co hispanista, xa falecido, Isaías Lerner na cidade de New York, argumentei que había unha evidente influencia da poesía galega medieval na obra do poeta de Ávila e que esa influencia se mostraba por medio do emprego de dous tópicos: o idilio e a pastorela. Isaías, que foi un dos meus guías pola cidade dos rañaceos e a quen teño, desde aquela, como exemplo do que pode ser un home sabio, fora alumno de Jorge Luís Borges en Buenos Aires, antes de que o peronismo prolongase unha nova xeración o seu destino familiar de xudeu errante. Puxo cara de ironía e contestoume que a miña tese era moi interesante mais que había que demostrala.

Este poema quere ser, dalgunha maneira, unha continuación daquel diálogo. Non é, para nada, un poema teórico, que queira prolongar pola vía da escrita poética, posicións que veñan defender as miñas afirmacións daquel entón. Mais, ao mesmo tempo, é o resultado dun saber pouco e pouco aprendido, case dun xeito inconsciente, e que nos sitúa perante as coordenadas do encontro feliz de dous tópicos reiterados. Por unha banda, o idilio, que desde Teócrito nos describe os praceres da existencia nun entorno natural, aquel “regalado vivir” do que falaba Antonio Noriega Varela nun dos seus mellores poemas.  Por outra banda, o encontro amoroso entre o cabaleiro, neste caso unha camiñante, e a pastora e a irrupción do amor. Do amor como acontecemento, unha quebra dos sentidos semánticos, unha fuga da gramática, por vías semellantes aos regatos e as fluencias pluviais. Do amor como destino, como fado e como sino.

Chamará a atención a enunciación feminina. Encontrei, dentro desa fala que me fala, que, na miña gramática cultural, a construción moderna deste novo xénero, que aquí se manifesta como herdeiro e como suplemento deses xéneros pretéritos, agora reunidos e sintetizados nun artefacto diferente, era fundamental a presenza dunha voz feminina. Non é un efecto gratuíto que queira caprichosamente dialogar no fondo coa voz de Safo ou co Despertar das amantes de María Xosé Queizán, senón que me viña dado de facto polas cantigas de amigo e, tamén, polas voces femininas que dialogan nas nosas pastorelas medievais.

Ademais, nos poemas de Teócrito, os pastores que dialogan, mentres pastan as ovellas e soan as frautas, son pastores namorados, que aúnan os praceres do encontro amoroso e os gozos da vizosa natureza na Arcadia feliz. Como entón, os temas son eróticos e está presente a música, non só como mención, senón, tamén, como exercicio vocal desde o mesmo inicio do poema. De tal maneira que este é, ademais, unha composición musical. Podería ser exposto como un recitativo, unha substancia sonora non melódica, que ten as súas regras internas, rítmicas e de entoación. Lido dese xeito, como unha ladaíña, provoca unha certa suspensión da realidade e pon de manifesto a existencia dun alén da linguaxe na propia linguaxe.

A pastorela medieval galaico-portuguesa é, por outra banda, un dos produtos máis lúdicos de cantos poida gorentar o lector poético moderno. Son poemas que se len unha ou dúas veces e fican gravados no corazón e na memoria, de tal maneira que xa nos acompañan para sempre. Desde Airas Nunes a Xoán Zorro, pasando por outros moitos, a pastorela sitúanos perante un momento transcendental: o encontro amoroso. A chegada, o encontro, a visión, a alocución, a resposta, a partida ou a permanencia, son as partes dunha poética narrativa que aúna as visións das naturezas externas e interiores. Todas estas funcións narratolóxicas dan conta, no fondo, das tres vías do proceso místico, expostas no Cántico Espiritual: purgativa, iluminativa e unitiva. Así, contándonos algo tan simple como un paseo polo campo, un encontro e un diálogo, asistimos a unha dramatización da nosa posición no mundo e da nosa relación co que está aí fóra, sexa a historia, o amor, a idea ou o gozo estético.

E este é tamén un poema ilustrado nesta edición primeira, porque o autor botou man dunha serie de fotografías que ilustran o proceso de pregnancia que o asistiu durante o tempo que durou a redación desta música. Pregnancia no sentido da psicanálise na súa teorización da mirada. E que viría sendo algo tan simple como responder á pregunta Que é o que miramos? Pois, xustamente, aquilo que antes xa nos mira. E neste mirar o que nos mira, o mesmo que na fala que nos fala, fica ben claro que tanto o mirar, como o falar, é do Outro.

As fotografías tentan interromper a fluidez do discurso poético, quebrando así o carácter compulsivo da súa recitación rítmica, e sinalar un marco diexético de soidade e distanciamento para esa entidade vocativa da conciencia, esa fonte de rumor.

Estamos, por tanto, na paisaxe da paixón, da fala que me fala e da ollada que me mira. Estamos, seguramente, no umbral da alma.

 

Descargar libro enteiro

A mácula feroz da fermosura en formato pdf

A mácula feroz da fermosura en forma epub

40784867882_33cd01a099_o

Altar

Nove banzos para unha poética do imposible.

1. A letra é unha mancha. O stylo, un punzón. O único texto inmaculado, a páxina en branco, o silencio.

2. As letras, que son manchas, en inglés tamén son cartas. Xente enviándose manchas. Garabatos de lama ou de sangue. Humanos.

3. O autor é como o dono dunha fonte. Pode posuír o cano. Mais a auga non é súa. Nin antes nin despois.

4. Literato, non letrado, o poeta colinda co pecador e o delincuente. O seu refuxio na linguaxe é unha fuga do cárcere do mundo..

5. O mundo como elipse. Cada segundo os relatos deben ser renovados. A primacía do misterio.

6. A elipse. O que nunca daremos contado. O que é preciso imaxinar. A fronteira entre a luz do simbólico e as tebras do imaxinario.

7. O simbólico non substitúe o real senón que o incrementa. Cada falar é un obxecto máis do que falar.

8. Digo. E, dicindo, o mundo é aínda máis inefable. Non hai silencio que me cure. Nin palabra que me salve.

9. E dixo entón o oráculo: “A letra é unha mancha. O stylo, un punzón…”

 

b00f937cefd22e6426ad630391407feb