Sempre A. Figueroa

MARGOT-SPONER

Entre as numerosas curiosidades que nos depara a revista Nós, editada en Galicia entre os anos 1920-1936, con Vicente Risco como director literario e Afonso Rodríguez Castelao, como director artístico, figura unha que desde hai anos ten chamado a atención dos nosos investigadores máis eruditos: Margot Sponer, unha profesora e investigadora alemá que alá polo 1927, titulou “Algunhas notas dos meus estudos sobre a filoloxía galega” un dos seus traballos publicado nas páxinas que editaban os esforzados Ánxel Casal e a súa esposa María Miramontes.

O coñecemento desta singular personaxe e das vicisitudes que rodearon a súa vida distaba até agora moito do grao de excelencia que merece. O feito de ser unha das primeiras figuras da romanística internacional que se preocupa da lingua e da cultura do país galego, unido ao final tráxico da súa existencia, en tempos convulsos para o Estado Alemán no que viviu e traballou, e para o seu pobo, xudeu de nación e de relixión, aínda que ela militase desde nova na esquerda e fose coñecida pola súa belixerancia contra o réxime de Hitler.

E sendo moitos os detalles da vida de Margot Sponer que ignoramos tamén son moitos os detalles que descoñecemos da súa morte, a man das SS alemás na primavera de 1945, con certeza de xeito violento e mesmo terrible, polos poucos datos de que se dispón até agora mesmo.

Ningunha destas dificultades e atrancos impide a investigación que emprende Antón Figueroa sobre a súa obra e figura, mesmo reconvertido para este libro nun especie de detective que purga no pasado e interroga a presentes e ausentes e tenta ir abríndose camiño entre o escuro, mais sempre da man do método científico e do dato contrastable.

Resulta peza de especial relevancia a tese de doutoramento de Margot Sponer,  Altgalizische Urkunde, inaccesible a día de hoxe para os estudosos da lingua galega.

Modelo de estudos lingüísticos galegos e tamén de compromiso coa humanidade perante a barbarie nazi non permitindo as forzas do mal apagaren o interese pola riqueza e variedade das falas e da linguas do mundo, Sponer convértese en obxecto de indagación intelectual e histórica.  Figueroa recorre a arquivos, epistolarios, contactos afectivos, documentacións diversas para tentar achegarse ao misterio dunha existencia humana, desvelando os seus camiños e pormenores e ofrecéndonos unha semblanza que tenta non ser subxectiva mais si estar baseada no dato fidedigno, na erudición, no argumento incontrovertible. Polo fondo fica ese espírito epocal que entre os anos vinte e o final da Grande Guerra axunta nazis e falanxistas, atrae a intelectuais galegos como Vicente Risco na viaxe por Alemaña que retratou en Mitteleuropa ou o Felipe Fernández Armesto que deambula como intelectual, profesor e xornalista.

Tamén salienta a levidade e frescura do texto, a medio camiño entre o novelesco e o epistolar, encontrando o ton preciso para contar un relato que alterna o interese entre o académico e o político, entre o persoal e o social.

 

 

Advertisements