Contra o desarraigo

Transmigrantes. Fillas da precariedade, de María Alonso. Axóuxere, 2017. 134 páxinas. 15€.

María-Alonso-Transmigrantes

María Alonso doutora en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo cunha tese sobre Diasporic Marvellous Realism. History, Identity and Memory in Caribbean Fiction (Brill, 2015) reside na actualidade en Edimburgo, onde se dedica, entre outras cousas, á escrita de ficción e poesía en lingua galega e inglesa. Despois do cataclismo (Urco Editora 2015) foi a súa primeira novela.

Transmigrantes tenta desenvolver e actualizar unha teoría sobre o fenómeno da emigración da mocidade. Transmigrantes serían aqueles que na súa experiencia migratoria pasan por varios países até asentárense, se acaso, nun, contemplando, na súa experiencia, como todos e cada un dos países aos que viaxan van tornando máis e máis precarias as súas condicións laborais e de estadía.

Escrita desde unha perspectiva de hibridación de xéneros, o seu relato comparte elementos do ensaio, do reportaxe, da memoria, porque o necesario é, antes de nada, proceder a desentrañar os aspectos novidosos e perversos que afastan os transmigrantes dos emigrantes tradicionais, en tanto que suxeitos políticos nunha nova conxuntura urdida polas políticas neoliberais que nos administran. Cómpre, pois, unha teoría antes de actuar, desentrañar no intelecto as razóns e as consecuencias, as causas e os efectos, antes de irmos ao mesmo cerne do conflito. Porque se trata do síntoma, doloroso, sen dúbida, dun conflito. Nese sentido, o libro encontra a súa máis próxima interlocución en obras audiovisuais recentes que, tamén, tentan dar conta da novidade deste modo de desarraigo: o documental No Cow on the Ice de Eloy Domínguez Serén sobre a súa experiencia en Suecia, ou En tierra extraña de Icíar Bollaín, sobre a diáspora española en Edimburgo.

A propia autora ten sinalado en entrevistas e declaracións á prensa a súa impresión de que a idea da emigración como unha renuncia á revolta foi asumida, polo galeguismo e, sobre todo, por aquelas e aqueles que gozaron e gozan dunha situación de privilexio, dun xeito bastante inxusto. “Castelao, en Atila en Galicia, dicía que en Galiza non se pide nada, emígrase. Mais emigrar é unha das decisións máis duras que poida tomar unha persoa. Afástase unha do coñecido para dar no descoñecido, déixase á familia ou amigos pola soidade, cámbiase de país, de lingua, de clima. Non entendo como se pode considerar esta decisión como unha renuncia á revolta ou como unha asimilación de fracaso persoal, cando en realidade tería que considerarse xustamente como o contrario”.

Partindo dos traballos de Schmidt (2006), Cafruny e Ryner (2003) ou Geddes (2008), entre outros, conclúese que Europa precisa inmigración, e que son os transmigrantes os que non farán preciso abrir as fronteiras a quen queira entrar dende fóra da Fortaleza Europea. Sobre este argumento trátanse outras cuestións máis complexas, como son as condicións laborais do precariado.

Un libro de recomendable lectura e que senta unha das perspectivas fundamentais de análise política do noso presente.

Advertisements