Contra o desarraigo

Transmigrantes. Fillas da precariedade, de María Alonso. Axóuxere, 2017. 134 páxinas. 15€.

María-Alonso-Transmigrantes

María Alonso doutora en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo cunha tese sobre Diasporic Marvellous Realism. History, Identity and Memory in Caribbean Fiction (Brill, 2015) reside na actualidade en Edimburgo, onde se dedica, entre outras cousas, á escrita de ficción e poesía en lingua galega e inglesa. Despois do cataclismo (Urco Editora 2015) foi a súa primeira novela.

Transmigrantes tenta desenvolver e actualizar unha teoría sobre o fenómeno da emigración da mocidade. Transmigrantes serían aqueles que na súa experiencia migratoria pasan por varios países até asentárense, se acaso, nun, contemplando, na súa experiencia, como todos e cada un dos países aos que viaxan van tornando máis e máis precarias as súas condicións laborais e de estadía.

Escrita desde unha perspectiva de hibridación de xéneros, o seu relato comparte elementos do ensaio, do reportaxe, da memoria, porque o necesario é, antes de nada, proceder a desentrañar os aspectos novidosos e perversos que afastan os transmigrantes dos emigrantes tradicionais, en tanto que suxeitos políticos nunha nova conxuntura urdida polas políticas neoliberais que nos administran. Cómpre, pois, unha teoría antes de actuar, desentrañar no intelecto as razóns e as consecuencias, as causas e os efectos, antes de irmos ao mesmo cerne do conflito. Porque se trata do síntoma, doloroso, sen dúbida, dun conflito. Nese sentido, o libro encontra a súa máis próxima interlocución en obras audiovisuais recentes que, tamén, tentan dar conta da novidade deste modo de desarraigo: o documental No Cow on the Ice de Eloy Domínguez Serén sobre a súa experiencia en Suecia, ou En tierra extraña de Icíar Bollaín, sobre a diáspora española en Edimburgo.

A propia autora ten sinalado en entrevistas e declaracións á prensa a súa impresión de que a idea da emigración como unha renuncia á revolta foi asumida, polo galeguismo e, sobre todo, por aquelas e aqueles que gozaron e gozan dunha situación de privilexio, dun xeito bastante inxusto. “Castelao, en Atila en Galicia, dicía que en Galiza non se pide nada, emígrase. Mais emigrar é unha das decisións máis duras que poida tomar unha persoa. Afástase unha do coñecido para dar no descoñecido, déixase á familia ou amigos pola soidade, cámbiase de país, de lingua, de clima. Non entendo como se pode considerar esta decisión como unha renuncia á revolta ou como unha asimilación de fracaso persoal, cando en realidade tería que considerarse xustamente como o contrario”.

Partindo dos traballos de Schmidt (2006), Cafruny e Ryner (2003) ou Geddes (2008), entre outros, conclúese que Europa precisa inmigración, e que son os transmigrantes os que non farán preciso abrir as fronteiras a quen queira entrar dende fóra da Fortaleza Europea. Sobre este argumento trátanse outras cuestións máis complexas, como son as condicións laborais do precariado.

Un libro de recomendable lectura e que senta unha das perspectivas fundamentais de análise política do noso presente.

Advertisements

(De) construír Rosalía

Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama, Ed. Galaxia, Vigo, 2017, 23.56 €.

 

Rosalia

Confeso que nunca fun rosaliano. Desde o disco irrepetible de Amancio Prada, alá polos mediados dos setenta, e as lecturas reiteradas ao longo de carreiras, oposicións, programas docentes, traballos diversos, clases ao longo de máis de trinta anos, o meu interese pola dicción  da poeta sempre ficou á beira do lume, malia recoñecerlle todos os méritos e eloxios, todas as luces e os brillos, todas as elipses e as sombras. Mesmo un libro que comezara a escribir hai algúns anos, e que seguía as diversas interpretacións do poema “Negra Sombra”, desapareceu un bo día do disco duro da miña computadora. E ficamos nós sós. Sen ensaio, sen Rosalía, nós.

Confeso tamén que, no entanto, hai nela un enigma que non pode deixar de punzar a miña imaxinación. Máxime cando Rosalía é non só un ente empírico que viviu en Galicia entre 1837 e 1885, senón, e sobre todo, un signo que naceu e foi medrando como brasa viva da galeguidade e que, agora mesmo, segue a darnos luz, quentura e esperanza.

Así que a chegada dunha nova biografía sobre a poeta non podía máis que volver concitar estas dúas emocións enfrontadas: a fatiga polo reiteración dun tema tan central no galeguismo de toda época e lugar; a sospeita de que o enigma segue vivo e había que camiñar outra volta ao seu encontro. Escrita nunha “prosa fluída, de lectura amena e engaiolante”, a biografía de Rosalía Castro, da profesora María Xesús Lama, concita a actualización dunha serie de tópicos e de puntos de inflexión no debate sobre a poeta, que son, tamén, tópicos e puntos de inflexión sobre Galicia e a súa historia, e a súa cultura.

Trátase dunha biografía en dous volumes, dos que, até agora, só se nos ofrece a primeira parte.

A autora camiña á procura dunha imaxe de Rosalía, dun fantasma de Rosalía, porque outra cousa non poderá nunca ninguén lograr, aínda sabedora de que, como dixo o sabio, “o pasado é sempre impredicible”. A única solución é, por tanto, seguir o Curros de “do mar pola orela mireina pasar/ na fronte unha estrela, no bico un cantar…”, e ir resolvendo os pequenos misterios e intrigas, destecendo os nós, desapertando lazos e ataduras, construíndo novos lazos, vínculos e nexos, na certeza de que Rosalía Castro ficou concluída na súa morte, como todos os humanos, e é, só a partir dese feito, que podemos iniciar as nosas conxecturas sobre ela en tanto que ente delimitado, cun discurso finito, cunha escrita atinxible, tanto desde o punto de vista textual como histórico.

Desmentido o mito da súa orixe aldeá e demostrado que se trata dunha muller de formación extensa, de orixe acomodada e urbana, gozando dos privilexios da súa clase, camiñamos pola infancia e mocidade de Rosalía de Castro, que centran este primeiro volume da obra, seguíndomos, en parte, as achegas biográficas de Fermín Bouza Brey, José Caamaño Bournacell, Juan Naya, Ricardo Carvalho Calero e Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, e en menor medida os estudos de Francisco Rodríguez, Catherine Davies, Kathleen March, Xesús Alonso Montero, Marina Mayoral e Pilar García Negro. Asistimos así ao desmentido do suposto trauma de orixe e da insistente rexouba da mediación de Manuel Murguía na súa escrita, na publicación das súas obras e na relación da autora co campo cultural e literario da súa época.

Concluímos, pois, que a mediación de Murguía na recepción da súa obra e da súa figura foi a raíz de non poucas malinterpretacións. O uso literario do galego non foi pola instigación de Murguía. Nin foi Rosalía unha muller triste, nin moito menos desesperada, entre outras razóns porque a súa vida se fechou con corenta e oito anos ao longo dos cales estivo de seguido rodeada de xente e de música e cancións, con nenos e amigos e parentes que a agasallaron co seu afecto e deron conta para a posterioridade de tal carácter. Esta carga de responsabilidades nas costas de Manuel Murguía semella ser un dos puntos de inflexión de que falamos, toda vez que hai opinións que alixeiran este peso e consideran que foron outros os factores que contribuíron interesada e determinadamente a deturpar e mixtificar a imaxe pública da poeta a partir da súa morte, ben lonxe dunha calculada operación de investimento simbólico xurdida dunha unha única fonte de intereses, máis persoais que políticos e sociais.

Diríamos que Rosalía nunca deixou de ser aquela moza bohemia que parte para Madrid coa intención de triunfar como actriz, aquela rapariga ben formada intelectualmente que se achega ao pensamento socialista da súa época e que ten como obxectivo poder tirar un rendemento económico á súa actividade intelectual, como escritora e como axente social e cultural dun país, Galicia, sumido no lento camiño da súa emancipación. O peso e a valoración do protofeminismo rosaliano sería outro dos puntos de inflexión de todo discurso sobre a autora que se poida elaborar nos nosos tempos. Así como, obviamente, a posición política da autora nun treito do S. XIX en que estaba en debate a disposición do Estado con respecto á súa centralidade e a súa forma de hexemonía nacional. Entendemos que a defensa dunha Rosalía socialista, feminista e rexionalista, máxime cando convive, procrea e forma unha familia cun dos inspiradores do noso Rexionalismo decimonónico, Manuel Murguía, forma parte da mesma cerna do debate. Se afirmar esas conviccións pode ser reiterar un tópico, obvialas pode dar pé a que susceptibilidades diversas dispoñan as súas alertas perante un relato que, na miña opinión, tenta dar conta matizada dunha existencia cargada de variacións, de  gradacións de trazos, que nos van ter entretidos durante décadas e décadas, tal e como leva facendo desde hai máis de trinta lustros.

Non en van polos tempos en que morría Rosalía Castro producíase en Francia a polémica do realismo que proxectaba sobre o escenario dos grandes debates un asunto crucial na historia da filosofía: o mundo e a súa representación por medio da linguaxe.