Dirixo agora este poema

no que a lúa lentamente se derrama como un viño
e un limpo regato de prata se achega até os lindes da morte
á muller que desde a face máis remota do tempo,
contemplándome, perdura.
A ela, pois, todo artificio,
os murmurios do incendio que a sombra apagou
e as correntes de cinza que virán caer entre as augas do diluvio.

Pouco máis pode entrar nestes versos soñados.
Só a lembranza do amor e das bocas
procurándose enteiras nun grito
de desexo. E tal vez
esa inmensa, fluvial, milenaria lágrima
que a noite oferece á memoria
mentres baixan as horas do mes de Heshuán
a deitar pola sombra o seu eco orvallado
nesta vella nación sen fronteiras.

 

191 copiar

de O regreso das ninfas, 1985

Advertisements