Ás veces, na mañá

Ás veces, na mañá, cando o vento sopra leve
e hai no ceu un regueiro de nubes
fico algúns instantes a mirar desde a xanela
para o rosto cincento do día.

Nos lonxes o antigo voo das aves a tecer
o pano xa outonizo do horizonte.
A silente figura das faias
debuxando sobre o campo unha cor púrpura.
A humidade das tellas reflectindo a loucura do sol.
E unha liña de fume a se erguer polo ar,
eaquecida do paso da brisa.
É preciso que entón ofereza o meu corpo
á chamada secreta do tempo

e que mesmo un sorriso de tenue alegría
veña espido sulcar os meus labios

porque é certo que a vida está aberta e prosegue.
Mais ás veces, no solpor,
cando a lúa vai morta e o silencio se estende
coa xanela fechada medito na sombra
e alá do fondo do espazo recollo
o lamento dun grito, a soidade do escuro,
esa angustia apagada, oh a cinza que torna.

 

17569072034_1af999f9d7_o copiar

de O regreso das ninfas, 1985

 

Advertisements