Suplemento a Martín Códax

Baixando ao tempo gris que se alongara
polas fragas dun inverno a fenecer
furtámoslle á tristeza a inútil sombra do reloxio sobre as horas

e a esvaída escuridade dos espellos
noutro tempo namorada da beleza
por enchermos de oferendas xa marítimas, florais
ou coa cinza que esparxen as idades
todo o abrente que desvela a túa pegada.
Sobre a lene baixamar
(debuxos que perderon o perfil
e oboes que se debruzan sobre o lombo da tarde)
dicímosche cousas moi tristes:

“Cando as faias que acenden o outono recollen o voo
da soidade que baixa con corpo de alauda…”

“Xace un home que andou na palabra
a erguer unha nube de fontes…”

ou tal vez

“Coa lentitude dos páxaros gardaba nas
súas mans o poema…”
mas enriba das auroras da camelia,
na ledícia do ouriol
ou no mar que aínda fenden navíos
ao sulcaren a esponxa da noite
a tua voz que o silencio gardou xunto as áncoras
no beiral da brisa que se alonga asobiando
deita un nó de pracer sobre a corda
que aínda cinxe a neve dos homes
o secreto corpo da tarde.

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

de O regreso das ninfas, 1985

Advertisements