Chanson d’une femme de chambre

Será Novembro aínda cando chegue

e vexa a laberca a caer como a tarde

esmorecida en púrpura e outono

desde o vello peirao de Brighton.

Na lembranza

dos teus ollos que ardian e tiveron

o tempo a se esvair ou docemente

desexo. E na sombra que a tua saia aínda debuxa

como un pracer obscuro, esparexendo

a tristeza como un voo

que non deu a gaivota

latexo aínda nos paxaros,

nos teus dedos que perdian a ribeira

como se perde un mar cada horizonte.

 

Que o teu sirgo a percorrer o mármore e a música

deite a rosa do diván. E na memória mol

da louca estrela e os laúdes

derrubados, do viño ao estio

poidamos ser como a trompeta

que puxo un veu no noso espello

xunto a captiva cor do tempo

e da arañeira.

 

Se difícil fose o tránsito até o fume

e no cristal a desfacérmonos puideses

chegar e veres cinza na corrente

e a lembranza

dos teus ollos a se esvaíren detendo

o voo noitébrego das lámpadas.

Desde o vello peirao de Brighton

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

de O regreso das ninfas, 1985

 

Advertisements