Xoguetes de amor e morte

 Existen dous trazos fundamentais na poética de Carlos Casares que deben ser sempre considerados. O primeiro, que todo o que se relata ten, en xeral, un fondo autobiográfico. O segundo, que todo o que se conta procura, en primeiro termo, a satisfección do lector.

Deste xeito, tanto o fío diexético (espazo-temporal) como o fío isotópico (de temas e motivos repetidos) converxen na obtención do que podemos denominar un ton realista. Agás na breve fase que atravesa con Os escuros soños de Clío, en que procura facer unha síntese do Borges metafísico e do Cunqueiro máxico, o resto da súa obra obedece sempre a estas dúas premisas que, ao mesmo tempo, serven para singularizar a súa obra fronte ás outras principais poéticas do seu tempo e/ou xeración (C. Gonsar, M. X. Queizán, X. L. Méndez Ferrín), unha vez limitan e poñen freo, tanto ao seu voo especulativo e fabulístico, no ámbito da ficción, como ao afán experimental, no ámbito da dicción.

Existen dúas obras que, na miña opinión, resultan peza chave na construción deste peculiar universo e en que estas dúas premisas enunciadas resultan evidentes. A primeira, Xoguetes para un tempo prohibido en que, logo da primeira fase de presentación en sociedade e pagado o canon do experimentalismo obrigado no seu tempo, opta por unha especie de autobiografía, se non de si mesmo, si dos compoñentes da súa xeración. A segunda, O sol do verán, acaso a súa obra máis lograda e, tamén, máis cargada de substancia, unha especie de biografía da alma, mesmo alén da biografía do corpo, xa na súa fase de madurez espléndida e abeirado ao inicio da vellez.

Xoguetes para un tempo prohibido preséntasenos como un cruce entre dous subxéneros da novela que foran, pouco e pouco, converténdose en clásicos: a novela de educación (Erziehungsroman) e a novela de formación (Bildungsroman).

Se o heroe, na formulación clásica, sempre se representa como un ente concluído e invariable, xa que todas as súas calidades se presentan desde o inicio e, ao longo da novela, simplemente se comproban, podemos constatar que, no caso da novela de Casares, como é común na novela existencialista, o heroe é un ser intrascendente que adoece de trazos persoais superiores, agás a constante teima en reformular o fundamento da realidade e da súa existencia. Ben lonxe, por tanto, dun heroe estático a revelarnos unha experiencia do mundo que non xere coñecemento, que non contribúa ao seu propio crecemento interior, senón aqueloutra que sirva como campo de probas das certidumes do protagonista, como constatación do seus achados en relación coa certeza. Non se trata das aventuras dun heroe que é igual antes e despois do relato, senón, como é o caso, dun humano que acaba convertido nun ser enteiramente renovado e madurado, transformado, por mor da experiencias vividas e das decisións tomadas, nun home engrandecido, para ben e para mal, logo de gorentar a ruína das ilusións e un coñecemento máis fondo do mundo e da humanidade.

Podemos comprobar como en conxunto a novela está construída arredor de dous grandes ciclos, coincidentes en extensión en número de páxinas: infancia e adolescencia, o primeiro, e formación universitaria, o segundo. Ambos os dous ciclos dan forma a unha novela na que é salientable a mudanza paulatina dos personaxes, do tipo de acontecementos, da voz e da perspectiva do narrador con respecto aos feitos narrados.

Anxo Tarrío escribiu que n‘O sol do verán, novela que Casares deixou escrita na súa totalidade, aínda que inédita, antes de morrer, hai unha premonición da propia morte, sobre todo se nos atemos a varios detalles: que o protagonista, tamén Carlos de nome, naceu no mesmo ano que Carlos Casares, 1941; que partes do relato nos levan a Xinzo de Limia, onde Casares viviu moito tempo, ou a que o protagonista guía unha motocicleta Harley-Davidson como a que o propio Carlos Casares posuía.

Mais unha vez, como en Xoguetes para un tempo prohibido, Casares bota man dunha estratexia pseudo-biográfica. Nada é del. Mais todo ten moito del. Así, máis alá desta pseudobiografía, o que chama a atención é que se trata dunha novela sentimental coa que se funde unha novela de intriga, whodunit incluído, e, tamén unha novela de educación. Por non mencionarmos os elementos de traxedia clásica que tamén son salientables. Hai, ademais, moitos ecos da súa obra anterior, fundamentalmente da segunda parte de Xoguetes para un tempo prohibido. E un desenvolvemento moi sinxelo, aínda que moi eficaz, mesmo como unha brincadeira dentro do modelo de novela sentimental, do tema do amor cortés e do ideal cabaleiresco.

O amor e a morte, o significado da existencia, xunto con temas e motivos tomados da traxedia grega como a anagnórise, a hamartía ou erro do heroe tráxico aristotélico, devólvennos a un mundo no que as certezas son poucas e moi relativas e o autor empírico, situado no cimo dun poder cultural e político, sente reparos perante a súa propia posición e semella empregar a novela como o lugar onde expór as dúbidas da súa condición.

Como sempre acontece na literatura, un ser humano á procura da súa redención a través da escrita.

Carlos-Casraes-en-blanco-y-negro-400x380

 

 

 

 

Advertisements