Notas para a presentación de Un Banco Na Gran Vía de Manuel Vilanova, 2 de maio de 2017, Casa do Libro, Vigo

9788476807262

  1. A poesía de Manuel Vilanova, logo da publicación do que eu denominaría a tetraloxía vilanoviana, composta por E Direivos Eu do Mister das Cobras, de 1980, A lenda das Árbores de Prata, de 1985, A Esmeralda Branca, de 2006, e Un Banco na Gran Vía, de 2017, semella estar transida pola cobiza do infinitivo. Concepto que, dado volta, reflectivo no espello, poderíamos considerar como rexeitamento da finitude. A extensión colosal deste discurso, case sen parangón no marco das poéticas contemporáneas, unida á súa permanente calidade, convérteo nun femómeno a considerar.
  2. Este rexeitamento da finitude, que o é tamén do silencio, do nada, e, por tanto, da morte, descrita como “a saída” e “o billete de saída” (e un dos motivos recorrentes do libro: o medo) é unha aposta pola vida, pola creación, pola palabra, polo discurso. E a partir de aí podemos extender o xogo de analoxías. Ao fondo o eco da proposta hegeliana da arte como “presenza do infinito no finito”.
  3. Esta cobiza do infinito ter como marco enunciativo unha voz que percibe o infinito dentro de si a través de desmesura das linguaxes, desmesura que se deixa sentir nos infinitos signos do mundo, multiplicados polo devir, mais, sobre todo, na lingua verbal e as súas infinitas combinacións e sentidos. O mundo é unha desmesura e as nosas múltiples, incontables propostas de representalo tamén rematan por se converter en desmesura. Fronte ás tentativas das ciencias e das técnicas de mensurar o mundo, a poesía asoma como a proba tanxible da súa desmesura.
  4. Hai, por tanto, un infinito macro que se presenta a través do tempo inumerable e as diversas modulacións do devir e un infinito micro que se manifesta no sentido, na percepción interior do mundo e da linguaxe.
  5. O carácter colosal desta obra condúcenos de entrada a repensar a súa consideración como poemario. E obríganos a ter que resolver varios dilemas iniciais. Épica ou lírica. Narratividade ou non narratividade. Finitude e localidade ou infinitude e ilocalidade.
  6. De considerarmos a épica como un xénero narrativo no que se presentan feitos lendarios ou ficticios relativos a un heroe e ás loitas reais ou imaxinarias en que participou, a consideración de épica do eu adquiriría todo o seu sentido.
  7. Nun primeiro achegamento encontrámonos con algo que poderíamos denominar a épica do eu, no que unha voz surreal nun tempo de eternidade e nun espazo de fusión diexética preséntanos un mundo como un magma, un caos.
  8. Esta voz que emite o texto faino a través dunha alteración dos procedementos básicos de achegamento ao mundo: primeiro, a percepción sensible e, despois, o entendemento. Mais, sen por iso deixar de procurar e acadar un coñecemento final, non sempre presidido pola razón mais tamén pola intuición. Esta voz surreal, onírica, que se resiste a dar creto aos brillos do mundo, valora tamén as súas sombras, nun litixio entre o presente e a memoria. De maneira que a memoria, e o círculo de néboa que a rodea, ten unha intervención central dentro da re-presenta-ción do mundo. As cousas non son como parecen porque antes xa foron doutra maneira. Por tanto, a súa ontoloxía non radica no que semellan senón noutra cousa da que ten que dar conta a palabra poética. Vexamos algúns nós de desenvolvemento de tres fíos isotópicos ao longo do libro: a voz, o tempo, as palabras.

A voz

Unha voz revolta, que aínda se deita hoxe

Nos outeiros, contra as mareas incertas

E os cantís do porvir. (5)

 

Láiome, desde as entrañas da luz de neon

De todo o esnaquizado, o que dun ou doutro xeito

Foi e agora imos perder,

Os distintos estados ásperos do tecer,

O que non poderemos amar,

-tenra planta verdecida-

endexamais e para nunca. (6)

 

Penso escuramente (8)

 

A miña vella cabeza, sempre distraída nas clases de retórica,

A miña pouca mente posta sempre noutra cousa.

Non son quen de parar esta danza e esta festa

Nin de deixar de correr cada intre un vibrato na mañás

Translucidas de inverno. (14)

 

A ti, fillo nacido nas correntes do Miño,

Habitante dun banco da Gran Vía que te leva

Como un cabalo de mar. (20)

 

…Din que escribir doe,

E non é certo. Queima como brasa. (47)

  1. Dentro deste xogo de representación do mundo, os tempos teñen un peso moi importante. Os tempos como modalizacións do devir. O Chronos, O Aión, O Kairós. O tempo da Historia, a Eternidade, o momento epifánico. E a voz na que flúe o discurso alterna entre un e outro.

O tempo

Mentres o tempo, dilatada cadea

De tortura, anega escoado

E avanza con implacable tiranía, apresando

O pensamento entre as xeadas augas do inverno. (5)

 

Volverei chorando deste mal do tempo

Cando alguén me chame

Desde o bosque da chuvia. (15)

 

O tempo rematará por estragarme duramente

Na dirección dos cigarros sen sosegos. (7)

E, dentro deste xogo de representacións do mundo, a palabra:

Tanto poden medrar na aspereza do monte

Como podes recortalas e pegalas no teu caderno

Mentres ascenden aos dicionarios rodeadas de anxos

Ou levalas para o teu leito, unha vez curadas das feridas.

[…]

Non tes que tratalas a todas do mesmo xeito

Pois criáronse coa vaga lembranza do que foron

Non é preciso.

[…]

As palabras non representan, nada representan

Non gaña fuxitivas horas

Nin virtude, gloria,

Cetro ou espada,

E endexamais sentirás nada

A menos que teñas sufrido na representación

Simbólica das propias carnes

Aquilo que as palabras pretenden describir.

Digamos que nin sequera podes escribir

Hora

Ou universo impunemente.

Quizais en carne, amor e soños

Tu e mais eu somos hermáticos. (17-18)

Até chegarmos na páx. 97 ao que poderíamos considerar “a quebra da alianza entre a palabra e o mundo”:

Todos deberiamos morrer na casa,

Na cama onde tivemos o primeiro sono de crianza,

Para penetrar mellor na montaña,

E poder dicir, totalmente illados do pensamentos,

Ábrete Sésamo.

 

  1. Pasada a metade do libro, este voz surreal tórnase coñecida, ten historia, pertence a este tempo e ten un país. O ton surreal cédelle a súa presenza ao realismo e a épica do eu convértese en épica da actualidade.
  2. Aparece agora unha voz realista, que contempla o mundo desde a certeza da ollada e da percepción do tempo e do espazo.
  3. Isto ten que ver, ademais, coa conversión dos principais personaxes da novela implícita: o vagabundo Leliadoura e as súa amada Morgana, que deixan de ser artificios da ensoñación e da cultura para convertérense en trasuntos do poeta e a súa amada. (E os outros personaxes: Morsamor, O Vizconde de Vilanova, Máscara de Prata). A isto axuda, e moito, desde a primera parte do libro, o xogo de intercambio de epístolas entre as diversas almas do libro. Intercambio que logo se acrecenta na parte final.
  4. O Vigo difuso que aparece no inicio do libro, convértese entón, a partir da páx. 267 e do extraordinario poema “De Xeografía Escolar” nunha cidade real, que aposta por reducir a súa dimensión literaria para se facer tanxible, carnal.
  5. Hai, implícito, un xogo de analoxías que relaciona o espazo do eu co espazo da cidade e as xeografías ou cartografías do eu coas xeografías ou cartografías dun mundo circundante. O Eu como infinito e o seu espello no Mundo como infinito. Cobiza do infinito. Rexeitamento da finitude.
Advertisements