L´eclair

Sentado unha noite na Quintana dos Mortos
cando o voo dos reloxios enchía o seu eco na pedra
e pairaba un orballo de cinza nas torres doentes
escoitei a cidade renxer esvaecida,
achegarse nun laio de sombra ao meu corpo
e soprar nos meus beixos a voz do delirio:
aqui están para sempre
a loucura

e o outono.

 

Advertisements

Suplemento a Martín Códax

Baixando ao tempo gris que se alongara
polas fragas dun inverno a fenecer
furtámoslle á tristeza a inútil sombra do reloxio sobre as horas

e a esvaída escuridade dos espellos
noutro tempo namorada da beleza
por enchermos de oferendas xa marítimas, florais
ou coa cinza que esparxen as idades
todo o abrente que desvela a túa pegada.
Sobre a lene baixamar
(debuxos que perderon o perfil
e oboes que se debruzan sobre o lombo da tarde)
dicímosche cousas moi tristes:

“Cando as faias que acenden o outono recollen o voo
da soidade que baixa con corpo de alauda…”

“Xace un home que andou na palabra
a erguer unha nube de fontes…”

ou tal vez

“Coa lentitude dos páxaros gardaba nas
súas mans o poema…”
mas enriba das auroras da camelia,
na ledícia do ouriol
ou no mar que aínda fenden navíos
ao sulcaren a esponxa da noite
a tua voz que o silencio gardou xunto as áncoras
no beiral da brisa que se alonga asobiando
deita un nó de pracer sobre a corda
que aínda cinxe a neve dos homes
o secreto corpo da tarde.

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

de O regreso das ninfas, 1985

Sepharad

Como hei trobar oh íntima Toledo
a xoia dos teus mármores, o voo
e a fragancia do teu corpo de oliva?
Como as aves que sulcan o ceo debuxando na brisa unha ponte
e a soidade dos ríos que baixan ao encontro do esteiro?

Coa tristeza do eco que deixa o rabel afogando suores de incenso?
Non. Mellor será que te garde
para o canto do ouriol.

canon350 229 copiar

de O regreso das ninfas, 1985

TIME IS AN OCEAN BUT IT ENDS AT THE SHORE

Cando o corpo dos meandros repouse baixo as aves

sinalando novas sulcos para as águas

por entre as madeiras cansas

e na fondura dun arroio a terra mol

outorgue á entrada do solstício

o tremor da herba que medra

procura entón ese convite que te chama para sempre

á paisaxe onde agrelou a escuridade.

E gárdate do pó que murcha as cores e debuxa

o tempo nas palabras. Mais non do abrente

dunha rosa ou do silencio

da tarde.

Para o mar que procuras (a sombra)

mentres baixas na brisa oh leve ouriol

leva as áncoras novas e a raia dun voo,

nacente como un eco de sal, voluptuosa.

 

231 copiar

de O regreso das ninfas, 1985

SNORRI STURLUSSON

Ao sairmos do país pola gorxa do fiordo

abeirando a mole nívea das illas

os navíos debuxaron entre sulcos e ronseis

o efíxie do solpor (ese cristal que afoga o mar

inzándose de cores) para teren propícias as aves.

“Agora ti serás, oh branca e mol Noruega,

a xoia que procuren os meus ollos

brotando da nostálxia para sempre”

dicia aquel que eu fun erguéndose na popa

coa pena e co tormento da partida.

A espiña dunha rosa fende a brisa ao anoitecer.

O espello no que a tarde garda escuros grans de ouro

reflexa aquel instante de loucura.

Lembro que esquecín a língua que falaba

e, as veces, cando soño,

por entre as follas húmidas das árbores,

advirto a sombra da neve

e a lixeira melodía das harpas e os oboes

 

FullSizeRender 100 copiar

de O regreso das ninfas, 1985

Cai a ·cinza na pel como a prata no outono

e os arroios que estenden o início do mar.

 

Todo é vello na terra.

 

Até os páxaros breves que chegan as faias

anunciando entre a néboa esvaída dos sulcos

o tesauro da flor que xuntou a sua marte

co arrecendo da erva.

 

E só ti, meu remanso de alaudas,

gardas dentro o sinal dun ocaso

para tanta aflición.

 

P1020921 copiar

de O regreso das ninfas, 1985

Der Abschied

Cantábaslle triste Ich liebe meinen Mann

ás primeiras sombras do inverno

naquel café do Báltico sen nome.

 

As áncoras da noite no repouso

e a eivada luz tinxida de ribeira

alongaban a estancia do eco

no espello dunha música de esponxas.

 

Como esquecerte, oh Alemaña!

 

Grande é o vaivén co que moven as horas

o carro de flores da tarde. Os días

(que son as areas dun deserto inútil)

pasaban lentamente. Soñabas

a trémula imaxen do cristal

e a poeira antiga dun relóxio gótico.

 

IMG_1197 copiar

de O regreso das ninfas, 1985

Chanson d’une femme de chambre

Será Novembro aínda cando chegue

e vexa a laberca a caer como a tarde

esmorecida en púrpura e outono

desde o vello peirao de Brighton.

Na lembranza

dos teus ollos que ardian e tiveron

o tempo a se esvair ou docemente

desexo. E na sombra que a tua saia aínda debuxa

como un pracer obscuro, esparexendo

a tristeza como un voo

que non deu a gaivota

latexo aínda nos paxaros,

nos teus dedos que perdian a ribeira

como se perde un mar cada horizonte.

 

Que o teu sirgo a percorrer o mármore e a música

deite a rosa do diván. E na memória mol

da louca estrela e os laúdes

derrubados, do viño ao estio

poidamos ser como a trompeta

que puxo un veu no noso espello

xunto a captiva cor do tempo

e da arañeira.

 

Se difícil fose o tránsito até o fume

e no cristal a desfacérmonos puideses

chegar e veres cinza na corrente

e a lembranza

dos teus ollos a se esvaíren detendo

o voo noitébrego das lámpadas.

Desde o vello peirao de Brighton

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

de O regreso das ninfas, 1985

 

Carlos Casares sentado no sillón azul

Nunha entrevista concedida pouco antes de morrer, Carlos Casares comentaba que sempre fora máis partidario da imaxinación que da fantasía. Que preferia moverse entre historias que aconteceran, ou que poderían ter acontecido realmente, antes que entre personaxes e vicisitudes froito da pura ficción. Esta fidelidade ao exercicio da literatura como memoria mais ou menos deturpada ou reelaborada acompañouno ao longo de toda a vida e froitificou nunha vizosa obra narrativa durante máis de corenta anos.

O mozo Carlos Casares encontrara a literatura galega do seu tempo afectada por dous males ben diversos: o ruralismo temático e o tradicionalismo formal e a deserción da realidade galega que facían os narradores xoves, dos que criticaba o seu elitismo, por dificultar o contacto cos lectores.

Fronte a estes males propón a elaboración dunha vía de síntese: corrixir o ruralismo temático e o tradicionalismo formal; regresar ao realismo urbano e suburbial, compartido con Eduardo Blanco Amor, suprimindo a fantasía en favor da imaxinación, e facilitar o contacto cos lectores mediante o emprego do humor, a ollada aguda e a perspicacia para captar detalles esenciais do vivir humano, sen someter o lector a esforzos innecesarios nin importunar por demais a lectura con experimentalismos excesivos.

Home de escrita moi prolífica, o seu esforzo literario concentrouse, fundamentalmente en oito obras fundamentais: Vento Ferido, de 1967, un conxunto de trece relatos breves, caracterizados pola contención de recursos formais e a primacía da historia, non moi lonxe do influxo do neo-realismo italiano.

Dous anos máis tarde, en 1969, publica Cambio en tres, a súa primeira novela, prosa fluída, ergueita entre unha variedade de voces, con emprego reiterado do estilo indirecto libre e o monólogo interior, lonxe da primixenia renuncia á omnisciencia do seu libro anterior. A disposición heterodoxa do texto e o carácter de caligrama que teñen moitos dos fragmentos, unidos á presencia constante de intermitencias paratextuais que prolongan o diálogo do fío narrativo cara situacións e obras paralelas, constitúense como principais marcas estilísticas.

Xoguetes para un tempo prohibido, de 1975, preséntasenos como un cruce entre dous subxéneros da novela que foran, pouco e pouco, converténdose en clásicos: a novela de educación (Erziehungsroman) e a novela de formación (Bildungsroman).

Podemos constatar que, no caso da novela de Casares, como é común na novela existencialista, o heroe é un ser intrascendente que adoece de trazos persoais superiores, agás a constante teima en reformular o fundamento da realidade e da súa existencia.

O seu libro seguinte, Os Escuros Soños de Clío, de 1979, xorde da vontade de facer unha literatura que non tivese que ver a penas coa experiencia, como os libros anteriores, senón coa fantasía. O narrador da memoria, persoal e colectiva, déixase, por unha vez, seducir, da man de Borges, Calvino e Cunqueiro, pola experiencia da pura ficción. E supón unha quebra no seu interese polos aspectos formais da narrativa, ata entón predominantes na súa escrita.

As súas catro últimas obras obedecen a unha certa estratexia historicista: unha tetraloxía que nos sitúa, sucesivamente, na Galicia de principios de século, da Guerra Civil, do primeiro franquismo e dos anos 50 e 60.

Ilustrísima, de 1980, un exercicio de realismo clariniano, con Ourense ao fondo, no que se introduce un elemento de reflexión moral sobre o papel histórico das persoas, que forma parte importante desde ese momento na súa obra.

Os mortos daquel verán, de 1987, describe, a través dun relato escrito en modo de atestado, feitos da Guerra Civil, axustes de contas persoais con dimensión política e unha sen fin de interrogantes de índole moral. Se unha institución é un enunciado e se un enunciado é, sobre todo, un modo de enunciación, aquí a correspondencia entre Xefatura, Funcionario e Confidentes, exerce como radiografía do Estado Fascista e do nacional-catolicismo.

Deus sentado nun sillón azul, de 1996, unha das súas obras máis logradas, evoca un personaxe escritor que, por unha banda, pode ser Vicente Risco mais, pola outra, pode ser tamén o propio Casares. Un intelectual sometido ás tensións e os dilemas propios do seu tempo e con opcións moitas veces fiadas pola man do mesmo demo.

O sol do verán, de 2002, a súa última e póstuma novela. Novamente coa estratexia pseudo-biográfica. Unha novela sentimental coa que se funde unha novela de intriga, whodunit incluído, e, tamén unha novela de educación. Por non mencionarmos os elementos de traxedia clásica que tamén son salientables. Hai, ademais, moitos ecos da súa obra anterior, fundamentalmente das partes terceira e cuarta de Xoguetes para un tempo prohibido. E un desenvolvemento moi sinxelo, aínda que moi eficaz, mesmo como unha brincadeira dentro do modelo de novela sentimental, do tema do amor cortés e do ideal cabaleiresco.

Sen dúbida un dos mellores narradores que teña dado a Galicia do século XX. Unha mente sagaz que nunca rexeitou someterse ao xuízo dos seus contemporáneos.

Carlos Casares moto