A cobiza do imposible tesouro do infinito

Manuel Vilanova, Un banco na Gran Vía, Ir Indo Ed., Vigo, 2016, 15€

 

9788476807262

 

Comentaba non hai moito, nun acto ao que fun convidado, que os poetas non saben (non sabemos) que é a poesía e por iso escriben (escribimos) tanto: para tentar averigualo. Mais que, en todo caso, trátase dun negocio (un non ocio) do imposible.

Lendo a Manuel Vilanova, no seu último libro, Un banco na Gran Vía, un impresionante volume de máis de cincocentas páxinas, con douscentos cincuenta e seis poemas, un pregúntase como se pode dar semellante fluír de palabra poética, a que obedece, ou que procura. E a única resposta que se me ocorre é a que acabo de dar: o negocio do imposible.

Lembremos aquel famoso graffiti do París do 68 “Sexamos realistas. Pidamos o imposible”. E mesturémolo coa afirmación dos románticos alemáns de que “a poesía é o único real”. Intúo que desa combinación, entre unha poesía que se concibe como a única realidade e dun realismo que procura o imposible, xorde este fervor entusiasta pola palabra poética que posúe Manuel Vilanova, un exemplo certamente desusado.

Creo que Manuel Vilanova é, xa desde hai moitos anos, o poeta galego que máis poemas escribiu de todos os tempos. E para que non haxa posibilidade de equívocos direi que, como Manuel Vilanova fai sempre ou case sempre poemas maxistrais, moi particulares e persoais, iso si, mais maxistrais, debo concluír que Manuel Vilanova é un dos nosos poetas maiores de toda época e lugar.

Tentarei explicalo doutro modo. Agora a partir dunha frase de Hegel: “o Real é racional”. Á que poderíamos engadir aínda aquilo de que o racional é numérico. E engadiría aínda outra frase de Hegel para explicar a arte: “a presenza do infinito no finito”. Pois ben, o poema é finito, é real, e hai no seu interior unha presenza misteriosa do número. No ritmo, na métrica, nos paralelismos, nas isotopías, nos mil e un xogos malabares que o trobador (tropatore, o que sabe de tropos) pode exercitar. Mais o certo é que, se hai algo que caracterice o poema, ese algo é, xustamente, a presenza do infinito.

Se ante dixen que o que caracteriza a poesía de Manuel Vilanova é ese pulsión do imposible, esa cobiza do imposible, agora debería de engadir que a esa cobiza deberíamos sumar outra característica: o tesouro do infinito.

Estamos perante un libro que continúa na liña dun estilo que non variou moito desde aquel fabuloso E direivos eu do mister das cobras, de 1980, seguido despois por A lenda dos árbores de prata, de 1985, e A Esmeralda Branca, de 2006, e que constitúen, xunto con este que estamos a comentar, a tetraloxía vilanoviana, un impresionante macrotexto que alguén debería comezar a considerar porque se trata, insisto, dunha máis elaboradas obras que se teñan escrito nunca en lingua galega.

Manuel leva a cabo un percorrido pola conciencia que é tamén un percorrido pola linguaxe, nunha lección extraordinaria de manexo e de coñecemento do seu idioma, dos dous idiomas nos que se escribe. A longura dos seus versículos, a longura dos seus poemas, non nos conduce ao fárrago, no sentido de cúmulo de ideas ou expresións confusas, inconexas ou superfluas, dunha morea de cousas desordenadas. Antes ben. En todo isto hai unha procura de sentido, de orde, unha orde que parte da gramática mais que está alén da gramática ou, en todo caso, nunha gramática que está aínda por construír.

O conxunto ten un aquel orínico, como o teñen todos os percorridos de conciencia, mais tamén de ladaíña, de salmo sen fin, no que van asomando como pequenos penedos polo mar sinfónico e misterioso, algunhas áncoras que nos fixan a espazos referenciais. Ben do ámbito persoal do autor, Vigo, o Miño, Barbantes. Ben do mundo da súa extensa cultura. Aparecen polo medio unha tal Leliadoura, O Grial, Perceval, Morgana, Dante, Virxilio, Beatrice, os Alquimistas, o taboleiro de xadrez, a Roda da Fortuna, un exército enteiro de símbolos e referencias. Non direi que Manuel Vilanova sexa ou queira ser un profeta. Mais si direi que é un evanxelista.

Unha voz lírica que olla desde un banco o ir e vir do mundo e da xente que pasa, no relato do noso carácter transitorio, cun fío de memorias e de impactos de luz sobre a conciencia, unha vez no mundo dos soños e das ficcións literarias, outra vez na versión máis actual do mundo que vivimos. Fragmentación, kaleidoscopio da mirada e da lembranza, referencias librescas ou sentimentais, ecos e reflexos da historia. Unha saudade explícita e cultivada, o misterio do porvir, a sombra da morte.

Non hai camiño da poesía contemporánea que non fose transitado por Manuel Vilanova neste seu canto monumental que dura xa varias décadas. Por fortuna, Manuel Vilanova é máis que un autor. Tamén é un home, como todos, dolorido polo peso da fado e da continxencia. É na conciencia dese home onde agroma esta poesía.

A crítica raquítica deste país non se vai facer eco desta obra e deste poeta, infelizmente. Mais unha vez, a literatura, literatura de verdade, camiña por unha senda que non ten nada que ver coa frivolidade, o poder e o postureo.

Benvidos sexan os poetas. Benvidos coa súa teima do imposible e do infinito.

Manuel_Vilanova_(AELG)-2

 

 

 

Advertisements