Chamadas perdidas

 

Unha tradución moi libre do poema de Micaela Chirif “a veces me llama por teléfono / un amigo muerto desde hace años”

Aínda ás veces chama por teléfono

Un amigo que morreu hai uns anos.

A conversa é moi normal:

Eu cóntolle as lerias desta parte,

Os relatos que circulan e se cruzan

Na ribeira en que estamos a vivir,

El conta as laretadas da outra beira,

Como se andásemos a latricar,

O Miño polo medio,

Unha tarde de verán xunto ao río.

Logo eu fico a ollar o día empardecer xunto á xanela,

Co meu lápis anotando algunha cousa,

El afaga as súas guedellas con preguiza,

Acaso a devecer por un corte de cabelo.

E así,

Esparexendo pareceres,

Con ese ton discursivo dos que non poden encontrarse,

Devala mesmo a tarde enteira.

É no momento de partir,

Que sempre chega,

Cando asalta o noso ánimo a tristeza.

E botamos a chorar.

Iso si,

Por galanura,

Cada un ao seu xeito.

telefone-com-fio-intelbrascom-identificador-de-chamadas-tc-8312-086905200

Advertisements