Hai na luz que che amañece por debaixo dos ollos,

Cando as pálpebras fechadas aínda entoldan a mañá,

Unha intensa plenitude,

Unha sobria fogaxe.

 

Tes nos soños a cidade acendida de cal,

Cos seus muros albacentos a relucir contra o mar,

Cos seus brillos de arxenta a ferver sobre as augas,

E non ves a outra cidade

Que te espera cando espertas,

A cidade que te arroupa e te acobilla

Cando a volves percorrer

Nos camiños da túa sombra,

Nos traxectos do solpor.

 

Debe ser que na cidade que percorres soñando

Hai un tempo clausurado,

Un reloxo sen agullas,

Que xa non é veloz

Nin anda con apuro.

 

E é no tempo dos teus soños

Que visitas o lugar,

Sentas nas prazas e camiñas as rúas,

Para sempre esparexidas a voar no esquecemento.

 

rua_da_concepcao_la_baixa_2920_966x

Advertisements