Advertisements

Se un vento sen sosego comezase a soprar

Días e días e días,

E abrise as portas todas,

Derrubase nos andeis das bibliotecas

Volumes, cartafois e documentos,

E enchese as avenidas de papeis a revoar,

Textos arrincados ao chou,

Epístolas, retallos de novelas,

Anacos sustraídos ao cántico do mundo,

E eu andase polas rúas a coller

Os cascallos da desorde do existente,

Só no mapa que guiou a náutica de Orfeo,

Só nos libros de perfumes e de sedas rugosas e brutas,

Podería eu encontrar

Un relampo de esperanza.

 

E se, inmerso na lectura dos naufraxios,

Eu puidese ollar atrás, polos abismos do tempo,

Errante como as nubes pasaxeiras,

Páxina tras páxina, seguindo os inventarios

Alfabéticos da morte,

Vería como emerxen, entre os fondos da memoria,

Os nomes dos que foron, os títulos ilustres

Que as épocas gravaron,

Os rótulos en pedra,

As grandes dignidades.

 

E se alá, polo máis fondo,

Nos misterios abisais,

Entre as lamas que alimenta o neboeiro,

Unha pedra, co meu nome e unha data que anunciase

Cales eran os trazados,

Enmarcase un horizonte,

Entre o triunfo e o fracaso,

Unha liña fronteiriza de vitorias e derrotas,

Unha ponte que separe o desastre ou a desfeita

Das palmas do triunfo,

Optaría sen pensalo

Polas gándaras da quebra,

Polas veigas da ruína.

 

Son a carne que gozou

Un fragmento do tempo.

O reloxo sen agullas.

Os espellos sen azougue.

95c0c218-39ce-462f-98be-624798b1b44b