Levo anos sen probar os aromas dun cigarro

E meses sen saber dos efluvios do licor,

Dos diamantes do viño,

Lúas sen ollar a cor da túa mirada,

Semanas sen o tacto da túa pel,

E días, moitos días,

Sen o gozo da túa voz a agasallarme.

 

Mais onte, ao reencontrarte,

Ao dar de novo conta dos teus ollos,

Da túa boca,

Do perfume esparexido como néboa no cabelo,

Por un segundo regresei

A outro lugar,

Décadas atrás.

 

Non foron máis alá duns poucos minutos

Afinando os instrumentos da saudade,

Escoitando o diapasón da noite e da linguaxe.

 

E hoxe, ao espertar,

Unha voz veu suxerirme

Que o inferno tamén podería

Ser

Esta resaca.

 

“Al cor gentil rempaira sempre amore

come l’ausello in selva a la verdura;

  né fe’ amor anti che gentil core,

né gentil core anti ch’amor, natura”:

Guido Guinizelli

 

“And no one knows why the night is going.

And no one knows why the wine is flowing”.

Leonard Cohen

egipto-resaca-644x362

 

Advertisements