E foi de nós deixarmos o porto de Ortegal

E vermos inflamarse do navío

Orgulloso velame,

Cando as aves que seguían o sulco do ronsel

Eran panos desde a altura a despedirse,

Cando o mar se presentou como promesa:

Unha túnica gris con destellos de negro,

Un escuro atavío de néboas con sal.

 

Eu levaba unha tristeza remendada polos anos

E un abrigo de quenturas sustraídas

E un sombreiro que velaba no solpor

As candeas que acendían

Cen mil estrelas vagas.

 

Capitán dun paquebote sen destino,

Almirante dunha frota derrotada.

 

Nunca souben onde ía,

Porque andar e coñecer son maneiras de vivir,

Porque os libros e os camiños son o mesmo alá no fondo.

E o caderno da existencia só se escribe no pasado.

 

Mais erguíamos bandeira de enerxía e liberdade,

Unha enseña flutuaba como nube polo mastro

Sinalándonos o rumbo, a dirección,

De ventos e tormentas.

 

E esa era a miña vida.

Pouco máis que outra calquera.

Moito menos que os meus soños.

 

buque

Advertisements