Porque existe unha linguaxe no linde das cidades,

Palabras que se gastan, que acougan unhas horas,

E deixan unha cinza, a lama, o refugallo,

Solemnes despropósitos por fuscos corredores,

Excesos de beleza fervendo nunha pota,

E vicios siderais dos lumes máis sagrados.

 

Palabras que regresan

Da noite co seu vidro

Inmaculado

E deitan polo ambiente

Un pó que se espaxere

En ondas de naufraxio.

 

Cancións que poderían

Sentar a ollar o brillo

Das horas cando emerxe

O amañecer.

 

Son fórmulas atroces, acaso un arrebato,

Guindadas polo chan na flor da mocidade,

Que os ventos levan lonxe, feridas de fracaso.

Vocábulos esguíos, materias do son

Que baten contra os tímpanos

E prenden a faísca.

 

Son termos, xuramentos,

Substancias da voz.

A proba dun instinto que rexe polo canto.

 

Palabras como estrelas

Os votos máis astrais,

O sangue dunha chaga,

A pústula da noite.

 

As borras máis amargas que deixa o viño seco.

O espello da nudez no pozo dos incendios.

 

Existe esa linguaxe no linde das cidades.

 

Nos céntricos hoteis

As voces non conteñen

Ningún deses arroutos.

 

Oh himen, himeneo.

serge-mendzhiyskogo_03

Advertisements