Anda o século tronzado a lamber as cicatrices,

A sentir na súa derrota unha néboa de cabalos,

A cargar sobre o pasado un espectro de fracaso.

 

E van os anos nas adegas

Dun navío enferruxado,

Velas rotas a empurrar dun destino sen distancia,

Un azar sen horizonte,

Unha liña de mar que se esparexe

Sobre as cartas escuras.

 

Anda a década a xemer, a queixarse, a saloucar.

Os seus impos e suspiros como balas que atravesan

Algún corpo no faiado da historia,

Corpos mortos que lembramos

E que pesan sobre nós,

Como pesan cada un dos meses e dos séculos

Sobre o lombo dos remorsos.

Lombo torto, atravesado,

Cambado e sinuoso,

Polo peso do devir.

 

Corpos mortos que transitan cara á brétema do sur.

 

Nothing’s gonna change my world

Agás o acontecer.

cuadros-en-oleo-surrealistas-de-paisajes-y-bodegones

Advertisements