En Portugal, pouco despois de cruzar o río,

En Vilanova de Cerveira,

Hai unha casa,

Cun xardín de señorío e avoengo

E escalinata cara á porta principal,

Cunha estatua na cornixa

Que goberna desde a altura

O devalo das mañás e dos solpores.

 

Ben semella un santo guerreiro, unha figura

Destinada a bendicir e protexer

Ao mesmo tempo

Os tellados da vila, as laxes da rúa,

Os fervores da existencia entrando no lugar.

 

Ao lonxe, o vello río vai tranquilo.

E esparexe preguiceiro

O rumor do seu percurso

E unha calma para os tristes,

Para aqueles derrubados.

 

Anda o día algo bebido, algo chispo de tristeza,

A deitar a súa amargura no silencio.

Trae desánimo e fatiga, e unha néboa de alcol,

E o cabelo esparexido de desazo.

Leva roupas e atavíos

E apósitos, vendaxes,

Que pertencen a unha sombra.

 

Ten a extrema ludicez dos navíos que se afunden,

Dos palacios incendiados,

E das torres que no ocaso da súa altura

Inda erguen o vigor

Da súa loita contra o vento

E contra o tempo.

 

Mais a estátua,

Desde a altura da cornixa,

Olla para o fondo,

Para o lugar en que se perde o río.

Como se quixese adiviñar

Algún prensentimento.

 

2334007004_ed00a97419_b

Advertisements