Os amigos coñecían as fendas.

Por que táboas se filtraba o mar a cada pouco.

De que banda afundiría no momento do naufraxio.

 

Era sabido.

 

Comezara por perderse polos mapas.

O soprar do vento inflou cartas mariñas

E nun golpe despegaron entre a néboa e a chuvia.

Mares, illas e derrotas a voar pola distancia.

Despois, un cabalo da baralla,

Un cubilete.

Un dado de marfín a rolar polas ondas.

 

A radio, entón, deixou de transmitir.

E as aves foron sendo outra liña de mensaxes,

A pousárense nos cabos,

A partir a cada pouco.

O chiar sobre a coberta.

 

Por fin chegou a calma.

E non houbo nada.

Só unha barca que afundía sen remedio.

 

E así caeu o vello.

Naufragado no medio do bar.

 

Tamén o mar lle entraba,

Ao tempo que afundía,

Polas fendas da cabeza.

Lixeiro, impetuoso,

Cada onda un bater do corazón.

 

ola-gigante-costa-morte-gallega-1419872263128

 

 

 

Advertisements