Que moito me eu folgo da luz da mañá

E das noites inzadas de enigmas,

E do vento que sopra lixeiro en abril

E dos meses do ano

E das tardes.

 

Da lámpada da historia,

Do tempo sobre as máscaras,

Do tráxico da hora que o mar deixou atrás,

Das augas dun espello no límite do tempo,

Dun século de neve, dun pozo de misterio,

Da tarde a ollar as illas de vidros solitarios.

 

Dun prado refuxiado na caixa dun piano.

Da altura dunha torre ferida polo inverno.

Das noites que a memoria nas teclas da tristeza

Apousa como un son inerme e derrubado,

 

Oh himen, himeneo.

 

E máis que me pago

De cada marabilla

Que os mundos atesouran en forma de luz

Ou de sombras e adiviñas.

 

Dos cólicos do arcano nun vento apresurado,

Do amor que nos acosa disfrazado de ternura,

Dos camiños que percorren salvaxes os cabalos,

Da frescura da auga nas mañás do meu rostro,

Ou da música que ascende coroada de espiñas

A morrer nunha cruz de brisa e neboeiro.

 

Desta paz que alimenta o mundo no mencer

E prende nos palacios as chamas máis sombrías.

Das rúas e as estradas, os camiños e os comboios,

Dos símbolos e os signos, as notas, os indicios,

Das letras e os sinais, as cifras, as cartas.

 

E dos matos e as cidades no seu torbeliño louco.

E de restos e vestixios, emblemas e blasóns.

 

E da viaxe.

E tamén do esquecemento.

 

Que moito me eu folgo da luz que aluma o mundo.

 

E por todo asino aquí

Este cantar dos agasallos.

 

Oh himen, himeneo.

 

15414376887_fdccc0b43f_k

Advertisements