Van os vidros e os metais destas épocas vertendo

O argumento da beleza,

A súa farsa de maxia.

 

Deitan puntos e suturas pola carne da paisaxe,

Cicatrices como liñas polos mapas da alma.

 

Son coitelos e navallas, pentagramas da distancia.

 

Levan peso dos espazos que nun tempo aveciñei,

As moradas como uvas dunha vide de sombra,

Domicilios pronunciados como proba

De existir,

De residir.

 

Este tempo hipotecado, flores murchas

Os seus días,

Débil, moucho, esmorecido,

Como torre na tormenta,

O misterio nunha roda no solpor,

Un farrapo esfiañado a súa bandeira ao vento.

 

Estes lustros derradeiros unha escura cicatriz,

Unha estafa, unha vinganza,

Un rumor de coros graves

Entre cábalas e cifras,

As da historia como un fondo de lama e neglixencia.

 

668fb26c453adf99d57ef92d3cf4b934

Advertisements