Oh tempo, ao mesmo tempo

Amigo e inimigo,

Portador da continxencia

E niño do azar,

Pazo da noite

E pórtico da alba,

Tálamo nupcial do posible e do preciso.

 

Oh himen, himeneo.

 

Vestíbulo do fado,

Arcada da ventura,

Mansión da escuridade.

Ti que andas a querer nos nomes das palabras

Os buques afundidos, as praias sen acceso,

O cabelo agasallado polo ímpeto das flores,

Un hálito de sombra, un mel esvaecido.

 

Oh tempo espreguizando no corpo e na distancia

Hortensias sobre o azougue dos lagos reflectindo

Os cántaros perdidos con augas olorosas.

 

Oh himen, himeneo.

 

Porque os ríos polo fondo

Sempre aspiran a ser círculos,

Vertidos de auga azul

Nunha esfera que xira.

 

Oh himen, himeneo.

 

Mistérica canción dos meus enigmas.

 

1449925015_141355_1449933114_noticia_normal

Advertisements