Sobre Xardín Queimado

https://oximnasiodeacademo.files.wordpress.com/2012/02/xardc3adn-queimado1.pdf

 

publicado no Sermos Galiza, 225

 

Existe unha idea, chegada desde a tradición da psicanálise, que debería ser de obrigada reflexión para os poetas: alí onde a linguaxe se me revela como máis propia, máis persoal, máis singular, alí é onde resulta ser, finalmente, producida polo falar do Outro. Este falar do Outro que nos funda e, ao mesmo tempo, que nos dá voz, esta heteroglosia, en palabras de Bahtin, esta fala que fala por nós, resulta ser a que, definitivamente, dá sentido a aquilo que Heidegger chamaba o Carácter Vocativo da Conciencia.

Que lle queda, logo, de persoal á voz do poeta? Desde a miña perspectiva, a existencia, O Aquí e Agora que nos fundamenta como seres singulares, intransferibles, irrepetibles. Somos, pois, máscaras a falar coa voz do Outro, monicreques de ventríloco, si, mais que ocupamos un lugar insubstituible no escenario do mundo. E iso é o que nos enche de liberdade, por unha banda, e de responsabilidade, pola outra.

Desde o primeiro verso, Xardín Queimado, maniféstase debedor da linguaxe do outro. Imos dar un paseo polo Xardín Queimado da linguaxe poética, unha pequena viaxe que nos sitúa nunha posición isotópica coas grandes viaxes da nosa tradición: Os Argonautas, A Odisea, A Eneida, A Divina Comedia, Os Lusíadas, Os Eoas. De maneira que o primeiro verso non é o outro que o inicio do Inferno de Dante: “Lasciate ogni speranza, voi che entrate”. Deixade, abandonade toda esperanza, vós que entrades. E a seguir un indicio dos tempos en que vivimos: un fragmento da gravación de saúdo en inglés que se escoita en calquera avión antes de comezar o voo: “Ladies and gentlemen, your attention, please”.

Como nos trens que atravesan os filmes de Hitchcock, sempre símbolos da corrente da libido, maquinarias libidinais imparables que conducen os seus pasaxeiros a situacións de malestar para o Ego e ameazadas sempre polo SuperEgo, a procura do exceso e do paroxismo, asistimos a unha viaxe excesiva e habitada pola cita, a referencia, os ecos dos poemas de outros, os reflexos dos poemas propios xa escritos noutro tempo.

Entre todas estas referencias hai dúas que cómpre termos moi en conta: o T. S. Elliot de The Waste Land, presente desde o propio título do libro, Xardín Queimado, mais tamén nun dos versos dese libro qué, á súa vez, unha cita do Libro dos Psalmos de Salomón, “By the water of Leman”, tamén citado por Camões, e tutti quanti. Outra sería a figura de Nietzsche, atravesado por Curros Enríquez, “do mar pola orela mireino pasar”, dedicado agora a sulfatar polas veigas da ilusión e que é entrevisto en determinadas ocasións como un vulto que asoma formando parte da paisaxe.

Como colofón destas figuras e imaxes, aparece a Electra de Sófocles, como espectro amañecido das pantallas cibernéticas e que remata por ser “só melancolía”, o que introduce o topos do desencanto coas innumerables representacións dun mundo que non se deixa apreixar nunca e que só se nos achega como ilusión, esa mesma ilusión que Nietzsche anda, unha e outra vez, sulfatando na distancia.

A condición actual do poeta é, tamén, un asunto central que non debe ser desbotado nunha lectura cabal do poema, un poeta que aparece como “manchado pola culpa. O seu traxe leva sangue de linguaxe. A camisa borras negras de caer a rebolos na lameira das palabras”.

Hai que ter en conta, ademais, que esta atmosfera surreal vén predecida pola anestesia dunha intervención cirúrxica que se evoca e que parece ocupar a totalidade do texto, entre o mar do esquecemento da morte e dos soños e un territorio ocupado pola fala que fala.

 

Maggie Taylor - Garden

 

 

Advertisements