Van as horas devalando polas fendas da linguaxe,

A minguar e reducirse nas fisuras da canción,

A atallar o seu camiño cara ao pozo do silencio.

 

Falan sombras de si mesmas,

Contan cousas inefables,

Cantan óxidos salinos.

 

E eu pregúntome:

Onde as naves de Escipión, onde

As cobrizas guedellas de Afrodita,

Os roteiros que guiaron

Os espectros de Hamlet

Polos muros de Elsinor.

Onde os meses e as flores,

Onde as augas e a soidade

Sepultados nos milenios.

 

Van afónicas sazóns

Polas beiras de min mesmo

A viraren e a entornar,

A inverter o seu camiño

Cara ao termo e o deceso.

 

Son retratos do asombro,

Reflexos do cansazo,

Metonimias da tebra.

 

Van os días abaixando, desmedrando,

Reducindo o seu percurso,

 

E eu pregúntome:

Onde os ollos de Platón, onde

As barbas brancas de Leonardo,

Onde prados, agras, soutos,

Hortas, carballeiras e camiños,

Lúas, fontes, labaradas.

Onde os ríos e os solpores,

Onde os mares e a saudade

Sepultada nos milenios.

 

Van os tempos e con eles

Van as casas e os espazos,

Van os meses polos cuartos,

Van moradas cos seus lustros,

Escaleiras e ascensores entre décadas e aplausos.

Anos agrícolas, fiscais, climatéricos, civís,

Embolísmicos, correntes, litúrxicos, lunares,

Sabáticos, letivos, platónicos, siderais.

A durmir en leitos brancos,

A correr polas paredes.

 

Horas grises que abren portas

E cancelas e xanelas,

Ventos negros que se abaten

Sobre as árbores da horta,

Sobre as flores da ameixeira.

Chuvias frías como dagas,

Neves cálidas de cinza

A verter sobre as idades

Uns pingares moi lixeiros

De vagar como unha sombra

De brea pola neve.

 

pissarro-paisajenevado

 

Advertisements