Ao longo dos meus anos fun seguindo o mesmo ciclo:

Unha casa, un libro.

Un libro, unha casa.

 

Sempre que alugaba algún apartamento,

Un piso, unha vivenda,

Comezaba na conciencia un torrente de discursos,

Como se alá polas fonduras da memoria,

Nalgún deses lugares onde asoma o manancial,

O lóstrego do canto,

Houbese unha vontade

De honrar o novo espazo.

 

Que sempre fun amigo dos deuses do lugar.

 

Lembro, por exemplo, o primeiro dos meus cuartos:

Unha vella habitación que daba para a sombra

Dunha rúa avesía,

Lóbrega,

Fusca.

Nestes tristes apousentos procuraba a confluencia

Do repouso e a calma, a médula e a cerna

Do traballo

E do arrebato.

 

Eran anos inclinados

Como as torres da ruína

Que inda erguían as bandeiras dos arcanxos no ocaso

E deitaron pola borda un sen fin de corpos rotos,

Anos náufragos e errantes,

Vagabundos sen destino nunha asemblea de épocas.

Anos altos e gloriosos

Que deixaron a borra

Dunha ferruxe negra

E un leite mesto e seco

No carrousel dos espectáculos da noite.

 

Nese tempo a miña casa

Era un sobrado baleiro, de estudante,

Un lugar que permitía o amencer das músicas,

Un devir esfiañado polos toxos do tempo,

Unha fonte onde beber da outonía e o canto.

Era casa compartida pola música e as letras,

Un tellado que acollía

Os chagados, os feridos,

Esmoleiros e indixentes

Do devir do corazón, das batallas da escrita,

Mais tamén do dubidar do pensamento.

Unha casa alá no alto

E con vistas ao solpor,

A catedral en sombra.

 

Houbo casas que tamén

Me ficaron impregnadas

De vocábulos perdidos

E de adverbios de estaño.

Eran tempos agrisados,

Bretemosos, neboentos,

Cando o frío esparexía

Unha rosa de misterio

No xardín do silencio.

Lustros fuscos, extinguidos,

No mencer da anunciación

Para o arcano melodista,

Tempos tintos como viños

De uva gorentosa.

E os anacos dunha idade

Tan sombríos como as cordas

Dun piano descomposto

Ou que mesmo atesouraron,

Entre as manchas das paredes,

Unha rosa de pus,

Unha espiga de pranto.

 

Houbo, mesmo, habitacións

Que aínda brillan desde a sombra,

Duradoiros relampos que difunden o acougo

Moendo a rara pedra do solpor

Nun mar de transparencia.

Moradías de aluguer

Que agasallan nos soños

A flor do transitorio,

O voo do esquecemento.

 

Lembro aquela en que abriches

O meu corpo arrebatado

E brincamos a tirar

Os dados do destino.

Eran leitos abisais,

Como un sulco polo centro,

As nosas mans superviventes dos asaltos

Ao castelo do poema.

Foi preciso irmos ao fondo

Dos delirios da linguaxe,

Unha danza das febres que habitei.

Os asombros do mencer polo horizonte.

 

Foron cuartos que pasaron

Polo século deixando

Unha mácula de espectros

Un rumor sobre as imaxes,

Un ruído cromático.

 

Casas, moradías, residencias,

Vivendas, hospedaxes.

 

Mais de todas conseguín,

Tal mapoulas dos seus prados,

Moitas páxinas longas

E adxectivos de frío,

Epístolas e notas devastadas pola chuvia

Como un ventre onde se fundan as palabras

Nunha rara sinfonía de adxectivos e cabalos.

 

Cantas horas consumidas

A tentar entretecer

Os fianchos dunha idade

E as las da súa tristeza.

Cantas tardes coa atención

Concentrada no devir,

No miúdo devalar do tempo polas marxes.

 

Houbo casas e houbo libros, recoñezo.

Houbo táboas e tellados que afastaron o vivir,

Que premeron sobre a carne un agarimo de algas

E estragaron a semente dun inferno de recordos.

 

Foi un xeito de vivir.

Ir pasando polas casas,

Ir verténdote nos libros.

Como os vermes que transitan sobre a carne corrompida,

Como o mofo que abalora un barco naufragado.

 

yerkaland-surreal-paintings-of-jacek-yerka-31

painting by Jacek Yerka

Advertisements