A finais do mes de xuño de 2015 sufrín un pequeno accidente vascular que me deixou sen fala. Durante varios días, internado na UCI dun hospital vigués, experimentei, sen ser quen de artellar unha palabra que puidese ser entendida, a presenza dunha luz na conciencia, acaso aquela lumen da que falaban os filósofos medievais, unha especie de sol interior arredor do que xiraba toda a miña mente mais que era previo á linguaxe. Cando recuperei a fala, e a escrita, comecei tamén a escribir este Xirasol, unha serie de poemas que ofrezo desde o anterior post e que tentan ser testemuño da experiencia.

Pois cultivo desde hai días esta planta de linguaxe,

Este estraño xirasol…

Oh himen, himeneo.

Non é viño iso que verten neste cálice da tarde

As materias que derrama esta planta de papel,

Este voo de espellos cegos polas cámaras da alma.

Non é noite iso que chega polo fondo do horizonte

Nin os restos dunha borra en suspensión,

Sedimento ou gravidade do misterio,

Beneficio dunha chaga, capital dunha tristeza.

Son os días que prenderon reducidos,

As ruínas da desgraza,

Os destrozos do infortunio.

As balizas das estremas do vivir.

Oh himen, himeneo.

Non é noite o que cabalga, o que salta por enriba

Deste tempo delicado, desta hora do fin,

Senón o tenebroso deste son,

O sombrío dos enigmas.

Quen lle pode dar sentido

A esa nube que se afasta

E que agora me aparece como un signo

De enunciados ambiguos, de arbitrarias sospeitas.

Quen lle pode arrebatar a esta hora de sombra

A noticia,

Ese pus que se proxecta nunha luz de esquecemento.

girassol-2

Advertisements