Ás veces fico a oír o canto desas aves

Sen nome que repousan

No cumio do tellado.

 

Sospeito que pertencen

A especies sen arraigo

Que habitan desoladas

Un mundo sen feitizo,

Que vagan fuxidías,

Sen rumbo cara ao sur,

Confusas polas formas inéditas do outono.

 

E pénsoas como proba

Dos ríos confundidos,

Dos meses trasvirados,

Dos erros da sazón,

Nós mesmos no extravío

Feridos de ventura,

Mancados pola sorte.

 

Que tempos que nos chegan

Descordados e tortos,

Barullentos e iracundos,

Sen teren por que vir.

 

birds_on_roof

 

 

 

 

 

 

Advertisements